CRTVG

Buscar

Estabilízanse os contaxios en España, pero a presión hospitalaria non baixa

Publicado o 13/11/2020 09:09

• A cifra de vítimas mortais ascende a 356 persoas na última xornada

• Máis de 20.500 pacientes están hospitalizados, coas UCI ao 32 % de ocupación

España suma este xoves 19.511 contaxios de coronavirus detectados e 356 falecementos. Estamos tocando as trescentas mortes diarias esta semana, pero baixando a incidencia da covid−19 en 12 comunidades.

En España, máis de 20.500 persoas están ingresadas coa covid−19. A ocupación de camas de UCI está no 32 %. A presión ao sistema sanitario vai seguir medrando estes días.

O virus volveu entrar nos grandes hospitais vascos e puxo en alerta máxima a Basurto e Donostia.

Ante o aumento dos ingresos en Valencia, entre hoxe e luns chegarán os primeiros pacientes ao pavillón habilitado na antiga Fe e proxectan a mobilidade forzosa do persoal sanitario.

Castela e León pediulle ao ministerio que coordine o traslado de pacientes de UCI a outras comunidades. O Goberno denegoulle á Junta a ferramenta para decretar o confinamento domiciliario dos veciños de Burgos, onde a incidencia está nos 900 casos por cen mil habitantes a sete días. Polo de pronto, dende mañá limitan na cidade as reunións a tres persoas e reducen ocupacións.

En Cantabria tamén endurecen medidas: adiantan o toque de queda e póñeno dende as dez da noite.

As Canarias notan o impacto da segunda vaga en Tenerife. O Goberno autonómico ditou para a illa o peche da restauración ás once da noite e a redución de ocupacións nos vindeiros catorce días. Limitan os encontros sociais a un máximo de seis persoas.

Ata o 23 de novembro os bares seguirán pechados en Cataluña, e ese luns agardan poder abrir toda a actividade ao aire libre. O Ministerio de Sanidade mira agora cara a outra data, a ponte da Constitución.

Comunidades e ministerio traballan nas recomendaciós e medidas para aplicar no Nadal.


 

Noticias web

13/11/2020

Máis sobre actualidade