CRTVG

Buscar

Cataluña derivará "con toda probabilidade" enfermos de Lleida a outras cidades

Publicado o 08/07/2020 08:26

Nunha vila pagesa do Segriá pídenlles por megafonía aos xornaleiros da zona que limiten a súa actividade. A situación é tan preocupante en Lleida que Cataluña tomará unha medida que afectará a todo o seu territorio: a obriga de levar máscara en todas as situacións, excepto no ámbito familiar.

Ademais, Salut reconsidera o sistema de rastrexo de contactos. Xa na comarca afectada a abordaxe sanitaria do brote pasa por protexer especialmente a poboación vulnerable, unhas corenta mil persoas, reforzar o sistema, e incluso derivar doentes fóra da comarca.

No Arnau de Vilanova duplicaron camas para pacientes co coronavirus. Os sanitarios deste centro maniféstanse exhaustos a esta altura da pandemia.

De Lleida crese que chegou o paciente cero do abrocho da localidade vasca de Ordizia, que iría á zona de locais de hostalería onde comezou o brote que leva confirmados 35 positivos. Alí van reducir a capacidade en bares, prohibir o consumo de pé e pechar espazos públicos.

Andalucía suma 15 focos, o último, un velorio con alta asistencia en Granada. Polo de agora van seis casos, pero estáselles pedindo ás persoas que acudiron que fagan as probas PCR. O terceiro brote de coronavirus en Valencia orixinouse nunha festa de aniversario en Burjassot. As autoridades din que a trazabilizade está controlada, e levan seis positivos confirmados.

Para evitar rebrotes, pídese estremar as precaucións e evitar situacións como as que se viviron en Pamplona esta noite: centos de mozos ateigaron rúas sen máscaras e sen ningunha distancia de seguridade. Saíron a celebrar o non Sanfermín. Malia que o evento está cancelado, non se evitaron as aglomeracións. A xente saiu de festa igual, con máis panos vermellos no pescozo que máscaras na boca. 

Noticias web

08/07/2020