CRTVG

Buscar

Simón pide dar a unha ONG parte das ganancias pola venda de artigos coa súa imaxe

Publicado o 12/06/2020 18:34

O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, pediu que se doe a oenegués unha pequena porcentaxe do diñeiro que se recade coa venda de artigos coa súa imaxe, e recoñeceu sentirse afagado con que "a xente" se preocupe por el

Así o dixo este venres na conferencia de prensa na que anunciou, xunto ao ministro de Sanidade, Salvador Illa, as comunidades que cambiarán de fase o vindeiro luns, na que dixo que aínda que non ten redes sociais, "non vivo fóra do mundo e, queira ou non, chégame todo", en alusión á repercusión da súa persoa durante a pandemia. 

"Sei que hai camisetas, bolsas de praia e algunhas cousas máis, e estou encantado con que a xente que o necesite aproveite a miña imaxe para establecer un negocio", comentou o experto. Pero suxeriu que lle gustaría que "xa que a imaxe esta aí, se puidera dar unha pequena porcentaxe deses beneficios para oenegués", antes de apostilar, "se lles vén ben" ás persoas que as venden.   

Recoñeceu que lle parece un afago que a xente se preocupe por el e "en moitos casos con moitísimo agarimo", o que dixo que agradece, e revelou que recibiu centos de cartas que contestará "cando teña un pouquiño de tempo". Admitiu, con todo, que "a fama" lle dificulta andar pola rúa coa tranquilidade de antes, aínda que insistiu en que está encantado coa situación.