CRTVG

Buscar

Severas restricións nos Países Baixos, no Reino Unido, en Alemaña e en Italia

Publicado o 15/12/2020 08:34

A segunda vaga avanza por Europa e, a pesar das restricións, non dan baixado os contaxios e varios países endurécenas cara ao Nadal.

Os Países Baixos pechan os centros educativos, os edificios públicos e a actividade comercial non esencial ata o 19 de xaneiro. Imponse o teletraballo, as reunións no exterior limítanse a dúas persoas e permítense ata tres convidados no Nadal. O primeiro ministro, Mark Rutte, anunciou as novas medidas, que cualificou de drásticas, severas e vitais, dende a súa oficina, e cos apupos de cidadáns contra as restricións de fondo.

No Reino Unido a alerta está en Londres, que, canda outras zonas do sureste do país, volve ao nivel máximo de restricións a partir de mañá, cando deben pechar os bares e restaurantes e non se permite ningún tipo de encontro social en interiores. Nesa zona detectaron unha nova variante do virus que se propaga con rapidez. "Creo que é unha boa idea, Londres vese moi cheo de xente", recoñece esta moza.

Tamén o mércores entra en vigor o peche total en Alemaña, Só permiten as actividades esenciais, cerran as escolas e prohíbese saír en grupo, en principio, ata o dez de xaneiro.

Portugal estes días bate marcas e, con 98 mortos o domingo, acada o máximo rexistrado dende o inicio da pandemia. O estado de emerxencia está en vigor ata o 23 deste mes, pero Rebelo de Sousa xa anunciou que proporá prorrogalo outros quince días.

En Italia están pendentes do anuncio de novas medidas máis restritivas, pois van á cabeza de Europa arestora no número de falecidos pola pandemia; sobrepasan os 65.000 mortos. As expectativas de medidas máis severas tamén as teñen outros moitos cidadáns do continente, á vista de que a segunda vaga non amaina e co temor de que as festas que están por vir empurren con forza á terceira.

Noticias web

15/12/2020