CRTVG

Buscar

Setembro, intenso mes de cruceiros en Vigo

Publicado o 04/09/2019 16:13

Setembro vai ser o mes do ano coa maior actividade no peirao de transatlánticos de Vigo. 15 escalas, 35.000 pasaxeiros e 13.000 tripulantes son as cifras previstas para estes últimos días do verán. Tras a visita do cruceiro británico Balmoral este domingo, hoxe atracou o Independence of the Seas, un buque de máis de 300 metros de eslora que pode acomodar máis de 4.000 pasaxeiros e de 1.300 tripulantes. A súa presenza fíxose notar na cidade.

"É a primeira vez en Vigo, é un fermoso día, todo o mundo sorrí, estamos descubrindo a cidade non coñeciamos a zona vella, é fabulososo". "Adóroo, a xente é moi agradable e o día é marabilloso".

Procedente de Southampton, no Reino Unido, e con destino Lisboa, este barco encheu a estación marítima de ingleses. A súa esvelta figura atraeu tamén a curiosidade doutros turistas.

"É impresionante, a verdade, eu estiven gravándoo en vídeo porque nunca vin un cruceiro tan grande de preto". "Vimos de Camponaraya, ao lado de Ponferrada e estamos pasando uns días en Vigo e vimos o barco para velo un pouco, a ver como está". "Moi simpáticos todos os galegos e galegas, moi ben atendidos e moi contentos si, volveremos".

Visitar a cidade, comer ostras e facer compras. Así ocupan as horas da escala os cruceiristas que optan por quedar en Vigo. Para os comerciantes é unha oportunidade máis de negocio.

Así nos falaba unha comercial que repartía publicidade entre os cruceiristas: "Este é un cruceiro grande entón xa vimos de aviso, preparados. Hai xente que ven con boa actitude e xente que ven máis cansadiña e custa un pouquiño máis, pero ben, en xeral si que se nota".

Comeza así un mes moi intenso no peirao de transatlánticos, onde haberá escalas dobres e mesmo unha tripla o día 27, en que atracarán simultaneamente e por primeira vez en cinco anos tres grandes buques.

Noticias web

04/09/2019