CRTVG

Buscar

Máis de 7.000 empregados públicos da Xunta poderán acollerse ao teletraballo

Publicado o 11/12/2020 09:41

A Xunta de Galicia e a Confederación Intersindical Galega (CIG) asinaron o acordo para implantar o novo réxime de teletraballo dos empregados públicos na Administración autonómica, ao que poderán acollerse entre 7.000 e 10.000 empregados.

A acordo vén materializar a adaptación a Galicia da nova normativa estatal aprobada en setembro que regula o teletraballo. Ten unha vixencia de tres anos e regula as condicións e o procedemento para autorizar esta modalidade de traballo no persoal da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Poden solicitar traballar desde a casa todos os empregados públicos, agás aqueles que desenvolvan un traballo en que a presencialidade sexa imprescindible, como o persoal de atención ao público. En calquera caso, establécese unha presencialidade mínima diaria obrigatoria do 40 por cento.

Para autorizar o teletraballo priorizarase as mulleres vítimas de violencia de xénero, as embarazadas, persoal maior de 60 anos e aqueles que teñan ao seu cargo menores ou maiores dependentes e tamén quen teña maior distancia deste o seu domicilio ata o centro de traballo.

A autorización será por un ano con prorrogación automática mentres se manteñan as circunstancias que deron lugar ao teletraballo. Este será voluntario e reversible tanto para o traballador como para a Administración.

Pode desenvolverse en calquera das modalidades horarias (común, flexible e especial), pero non poderá fraccionarse para ser prestada combinadamente co traballo presencial.

Medios técnicos necesarios

A Administración ten a obriga de facilitar os medios técnicos para desenvolver o traballo. Así, proporcionará un computador para o seu uso nas xornadas de traballo, acceso ás aplicacións informáticas, ferramentas ofimáticas, conexión cos sistemas informáticos da Administración autonómica e os sistemas de sinatura electrónica que garantan a seguridade e privacidade dos traballos que se van desenvolver.

Cada traballador axustarase a un plan individual de teletraballo que establecerá obxectivos e indicadores para medir o seu cumprimento así como o control horario.

O acordo tamén recoñece expresamente o dereito á desconexión dixital dos empregados públicos.

Noticias web

11/12/2020