CRTVG

Buscar

Sesenta evacuados por mor dun incendio forestal en Sevilla

Publicado o 08/09/2019 14:59

Os veciños dunha urbanización do concello sevillano de El Ronquillo viviron unha noite de pesadelo despois de que onte á tarde se declarara un incendio forestal que avanzou sen control durante a madrugada. A virulencia das lapas obrigou a Delegación do Goberno de Andalucía a declarar o nivel 1 de emerxencias, polo que se procedeu á evacuación duns sesenta veciños, dos que uns corenta foron realoxados no polideportivo municipal. Outras trescentas persoas abandonaron o lugar por iniciativa propia.

Algúns veciños relataban en medio da evacuación como o incendio supostamente foi intencionado:  "Polo visto, alguén queimou un colector, meteron lume aos colectores da fase dúas, e como isto é todo serra, está ardendo moitísimo. Hai moita lapa, moito fume. O certo é que te deixa impresionado. Non sabes xa o que pensar. Dixéronnos que tiñamos que desaloxar e estamos desaloxando", relataban.

Os traballos de extinción con maquinaria e por terra continuaron toda a noite para tentar frear o avance das lapas, e xa ao raiar o día, incorporáronse os medios aéreos para apoiar o cento de efectivos na zona. Hai unhas horas os equipos de extinción conseguiron estabilizar o lume, polo que se desactivou o nivel de emerxencia, e os veciños desaloxados comezaron a voltar cara ás súas casas. Os equipos de extinción seguen a traballar no lugar.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/09/2019