CRTVG

Buscar

Sergas e sindicatos abren o diálogo para mellorar a Atención Primaria

Publicado o 09/04/2019 15:34

Sindicatos e administración avalían a vía de diálogo que se abriu en sanidade e que serviu para cancelar a folga convocada esta semana en Atención Primaria. Na negociación hai vontade para falar de todas as reivindicacións laborais e organizativas que teñen os profesionais sanitarios.

As demandas de carácter laboral levaranse a unha mesa sectorial que se reunirá despois da Semana Santa. Aí falarán da creación de novas prazas ou da mellora no contrato de continuidade. E buscarán unha solución ao conflito nos puntos de atención continuada. Canda esta mesa, os sindicatos destacan a creación dun consello técnico de Atención Primaria que abordará as reivindicacións organizativas.

María Xosé Abuín, Cig-Saúde: "Conseguiuse que se recoñecera a necesidade de crear ese consello técnico de Atención Primaria como órgano de negociación para dar resposta a toda a problemática".

Emilio Armada, vicepresidente CESM Galicia: "Quere dicir que por fin a administración se dá de conta de cal é a situación da Atención Primaria en Galicia e que fai unha aposta decidida por mellorar esa situación escoitando os profesionais".

Ese é o compromiso da Xunta, que avoga polo consenso no futuro modelo de Atención Primaria.

Antonio Fernández-Campa, xerente do Servizo Galego de Saúde: "O camiño ten que facerse entre todos, tratando de consensuar entre todos as medidas, non só os colexios médicos, as asociacións profesionais, colexios de enfermería. Todos enriquecen o proceso".

A negociación fixará os acordos e o orzamento que precisan.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/04/2019