CRTVG

Buscar

"Sentidiño", elixida Palabra do Ano por votación popular

Publicado o 27/12/2019 22:18
"Sentidiño", elixida Palabra do Ano por votación popular

Sentidiño foi escollida Palabra do Ano 2019 en Galicia, tal e como o determinou a votación virtual pública promovida polo Portal das Palabras, a web de divulgación do léxico galego da Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié.

Segundo informa a RAG, a segunda clasificada foi a palabra feminicidio e a terceira, narcosubmarino; e seguíronlles, por esta orde, quecemento global, ecocidio e negociación, os outros termos que quedaran finalistas.

Sentidiño, unha das formas de denominar o sentido común, acaparou o 51 % dos votos emitidos; feminicidio, o 20 %; narcosubmarino, o 15 %; quecemento global, un 8 %; ecocidio, un 5 % e negociación, un 1 %.

A palabra gañadora deriva de sentido, que se orixina, á súa vez, da substantivación do participio pasado do verbo sentir, e a acepción do termo gañador refírese á 'capacidade mental de actuar de maneira razoable e correcta'.

O aspecto interesante, destaca a RAG, é o papel do sufixo derivativo –iño, que neste caso non outorga á nova palabra o matiz habitual de 'máis pequeno', senón o de 'calidade de sensato', e exprea con frecuencia tamén certa complicidade coa persoa coa que se fala.