CRTVG

Buscar

Sen rastro dos dous mozos desaparecidos en Porto do Son

Publicado o 08/07/2020 08:25

Sen rastro dos dous mozos que desapareceron o luns á tarde ao envorcar o kaiak en que saíran navegar dende a praia de Coira, en Porto do Son. Este martes incorporáronse á busca drons da Axencia Galega de Emerxencias, e un helicóptero da Garda Civil. O rastrexo intensificouse por aire, mar e terra, de momento sen resultado.  

O único que atoparon foi un dos salvavidas que os mozos levaban na embarcación, e que apareceu a primeira hora do martes. A moza que navegaba cos desaparecidos e que rescataron o luns á noite nunhas rochas confirmou que non levaban postos estes salvavidas no momento do accidente.

Salvamento Marítimo e a Garda Civil busca por algunhas furnas sen éxito. Tamén por terra vimos efectivos. E dende o aire. Un helicóptero e un dron do Servizo de Emerxencias do 112 de Galicia sobrevoaron a zona onde foi rescatada unha moza dos tres que ian no kaiak que envorcou. A embarcación si que apareceu.

Os dous mozos, Xabier e Miguel, de 18 e 19 anos e veciños do concello coruñés de Noia, desapareceron tras envorcar o kaiak co que navegaban na praia de Coira, na localidade costeira de Portosín. Unha terceira ocupante, veciña de Porto do Son, que logrou salvarse, presentaba signos de hipotermia e permanece ingresada no hospital de Santiago de Compostela en estado de shock.

Os mozos trataban de chegar á illa de Creba, perderon un remo da embarcación e un deles tirouse á auga para recuperalo, pero xa non puido volver. A corrente arrastrounos e provocou que a piragua, que foi atopada, quedara totalmente envorcada. Foi ás 21:30 horas da pasada noite cando un particular avisaba a Emerxencias de que había tres horas que tres rapaces saíran navegar cunha canoa e non volveran.

Noticias web

08/07/2020