CRTVG

Buscar

Un incendio calcina unha casa no centro de Sarria

Publicado o 05/09/2019 13:45
Calcinada por completo. Así quedou esta casa deshabitada situada no centro de Sarria. Ata catro coches de bombeiros procedentes do parque comarcal tiveron que acudir ao lugar para participar nos labores de extinción do lume, que se prolongaron durante nove horas. Tratábase de evitar que as lapas se propagasen ás vivendas lindeiras. Así e todo, unha pequena bombona estoupou e provocou danos na outra beira da rúa.

José Manuel López, sarxento dos bombeiros de Sarria: "Sobre as doce e media da madrugada o 112 avisounos dun incendio nesta zona das escalinatas da rúa Maior e ao chegar vimos que o lume estaba xeralizado en toda a vivenda, abandonada. Nun primeiro momento, centrámonos en salvar unha vivenda anexa, para que non pasase o lume para ela, e posteriormente refrixerar e extinguir o foco do incendio, ademais de retirar partes móbiles con perigo de caída á vía".
José Caldas, hostaleiro: "Cando lle pegaron lume, deberon de meterlle a bombona dentro cun líquido inflamable, e ao arder, coa calor saíu disparada dende o balcón e deu aquí contra a miña porta. Iso vese que é unha cousa que estaba preparada e meditada".
"A iso das doce e algo oímos como unha explosión. Soou a bomba. Por riba, nós estabamos aquí no cuarto da pensión, e ao saír disparada contra a porta, co cristal, o ruído que se oíu pola escaleira daba aínda máis impresión de estourido".

Hai dous meses, os bombeiros xa tiveran que apagar dous conatos de incendio no mesmo inmoble. Xa daquela, os veciños sinalaban que os lumes eran intencionados, idea en que se reafirman logo de que, desta volta, as lapas conseguisen devorar por completo a casa.

"Lapas de 40 metros de altura para arriba. Iso xa estaba previsto. Xa o dixera da outra vez tamén, no mes de xullo, cando lle pegaran lume, que estaban empeñados en queimala e que a ían queimar".
José Caldas, hostaleiro: "Isto xa estaba sentenciado. Estaba programado. E ademais o curioso é que hai outro bar por detrás, que pecha os mércores, e xa da outra vez que intentaran prenderlle lume aproveitaran que pecha os mércores para facelo o día que ese bar está cerrado".

A Garda Civil, que investiga as causas do incendio, tampouco descarta que fose intencionado.