CRTVG

Buscar

Illa e Ayuso discrepan sobre as medidas en Madrid

Publicado o 28/09/2020 08:21

Esta medianoite entraron en vigor as restricións perimetrais en oito novas zonas de Madrid. O Goberno central pídelle á presidenta da comunidade medidas máis contundentes e que confine municipios con incidencia acumulada de máis de 500 casos. Pero Díaz Ayuso insiste en que Madrid non se pode pechar. O ministro de Sanidade advirte de que actuará en consecuencia, mentres desde o Goberno rexional fan chamamentos ao diálogo para evitar a intervención. 

Con estas oito novas zonas sanitarias confinadas desde hoxe, son 45 as que teñen restrinxida a mobilidade. O que abarca unha poboación de 1.025.000 persoas.

Desde o Ministerio de Sanidade pídenlle ao Goberno rexional medidas máis contundentes, que atendan ás recomendacións de científicos e sanitarios, que suporían na práctica o confinamento da capital e dos lugares cunha incidencia de 500 contaxios por 100.000 habitantes. De non rectificaren, advirten, o Goberno central valorará a situación e actuará en consecuencia, é dicir, tomar o control sanitario da comunidade. Pero Díaz Ayuso responde que o confinamento total de Madrid non é posible, alegando razóns económicas, de empresas que están arruinándose. Só admitiu que pecharía a maior parte da rexión se tamén obrigan a illar outras autonomías con taxas semellantes de contaxios.

Así as cousas, desde o Goberno rexional sucedéronse na fin de semana os chamamentos para recuperar o diálogo e evitar que interveñan. O vicepresidente da Comunidade, Ignacio Aguado, pedía unha tregua política desde as redes sociais. O conselleiro de Xustiza e Interior reclama lealdade e non actuacións de difícil encaixe legal, referíndose a esa hipotética intervención.

Enrique López, conselleiro de Xustiza e Interior: "Por iso hai que facer esa chamada á lealdade e a traballar xuntos, que é o que nos están pedindo os cidadáns de Madrid e de toda España".

Mañá volverán verse as caras as dúas administracións, na reunión do grupo de coordinación Covid-19 á que asistirá tanto o ministro Illa coma o vicepresidente Aguado. E mentres os políticos discrepan, nas rúas veciños dos barrios confinados volveron protestar en varios puntos da capital contra os confinamentos selectivos, contra a que consideran unha segregación entre barrios ricos e pobres e para pedir a dimisión de Díaz Ayuso.

 

Noticias web

28/09/2020