CRTVG

Buscar

Selo galego nos principais parques eólicos mariños de Europa

Publicado o 18/06/2020 14:40

Son imaxes dun dos maiores parques eólicos mariños do mundo. Está situado fronte á costa do Reino Unido e leva o selo galego nestas grandes estruturas que sustentan as pas eólicas. Tamén en augas do mar Báltico está desenvolvendo Alemaña o seu gran proxecto eólico.

Foi un dos primeiros contratos para Navantia nun sector que conseguiu dar unha nova vida ás instalacións de Navantia Fene. Hoxe a eólica mariña dá traballo en Galicia a 1.800 persoas, entre empregos directos e indirectos, e afronta o reto de duplicar o emprego nos próximos catros anos.

"Temos unha cadea de valor industrial que cumpre todos os requirimentos dos grandes fabricantes e xestores de parques eólicos mariños en todo o mundo", di Enrique Mallón, presidente de ASIME.

40 empresas integran neste momento o grupo galego de enerxía Offshore, que busca mellorar a competitividade do sector cunha aposta pola innovación e a tecnoloxía.

"Debemos apostar por esta industria. Fomentar os investimentos nela porque vai supoñer unha das maiores alegrías para a nosa economía", asegura Mallón.

A industria galega vai desenvolver un plan de promoción exterior en mercados como Taiwán ou nos Estados Unidos para consolidar un dos motores de emprego e de crecemento económico de Galicia.

Noticias web

18/06/2020