CRTVG

Buscar

Seleccionado o proxecto dun dron que detecta niños de velutina mediante sensores de alta precisión

Publicado o 14/12/2019 15:27

Esta aeronave non tripulada, valorada en case trescentos mil euros, é a proposta presentada por unha empresa de Lalin que acaba de ser seleccionada entre outras 17 ideas dentro dun programa de impulso empresarial auspiciado pola Xunta. O seu obxectivo é localizar e destruir os niños de vespa velutina, e conta con catro sensores de alta precisión capaces de recoñecer a contorna e tamén os fogares destes insectos invasores.

Segundo o xerente da empresa seleccionada, Jaime Pereira, o proxecto combina "catro tipos de sensores diferentes e con eses sensores somos capaces por tamaño, cor e forma, de distinguir un niño de velutina dunha árbore, dunhas follas ou doutros obxectos".

O dron funciona cun motor de combustión o que lle permite aumentar a súa autonomía de vinte minutos dos aparatos convencionais ata as sete horas. Os seus sensores debuxan un mapa da contorna e son capaces de recoñecer un niño de velutina entre as árbores, mesmo aqueles situados nas zonas máis altas e inaccesibles por outros medios. Despois, con outra aeronave, inxectase veleno no niño cunha pértega, evitando que as vespas raíñas poidan fuxir e seguir criando.

"Unha vez que está localizado, no proxecto que imos facer, é localizar eses niños nun sistema de información xeográfica. O que facemos é subir cada niño xeolocalizado a eses sistema. E a Xunta vai poder ver onde están os niños. Nós a partir de aí, cos niños xeolocalizados, enviaríamos outro equipo a exterminalos", comenta Jaime Pereira.

A elección deste proxecto outorgaralle á empresa a posiblidade de acceder a créditos de preto dun millón de euros cos que financiar a idea. Están abertos a calquera suxestión (que se pode facer na páxina "dronevelutina.com"), que poida afinar aínda máis o seu traballo e xa están deseñando un sistema de inoculación do veleno mediante disparos de precisión para frear a expansión desta especie invasora, imparable en Galicia dende 2012.
 

Noticias web

14/12/2019