CRTVG

Buscar

Seis mortos e 200.000 evacuados nun grande incendio en California

Publicado o 24/08/2020 15:22

Nos Estados Unidos, o lume non dá tregua ao norte de California. O incendio declarado hai unha semana converteuse xa no segundo máis grande da súa historia, despois de arrasar 400.000 hectáreas.

Donald Trump declarou zona catastrófica sete condados afectados por un lume que avanza sen control en 560 frontes activas e que ata o momento cobrou xa seis vidas e obrigou a evacuar duascentas mil persoas.

Está previsto que nas próximas horas se unan equipos especializados do Canadá e Australia aos máis de 13.700 bombeiros que traballan por terra e aire para tentar parar un incendio que destruíu xa 700 vivendas.

Hai uns días dous bombeiros que quedaran cercados polo lume tiveron que ser rescatados coa axuda dun helicóptero.

Os múltiples focos foron causados na súa maioría por raios e pola forte vaga de calor que afecta a rexión, onde se prevé que a situación empeore nos próximos días, coa chegada de máis tormentas eléctricas e fortes refachos de vento.

 

Noticias web

24/08/2020