CRTVG

Buscar

Segunda xornada do xuízo contra un home acusado de matar o seu compañeiro de piso

Publicado o 08/09/2020 14:22

"Eu xa dixen que me consideraba culpable se podiamos dar por pechado todo isto". Deste xeito o investigado negábase a responder o seu avogado. Porén, onte, si contestou as preguntas da Fiscalía e explicou que actuou nun arrebato polas burlas da vítima.

"Onte manifestou que sente moito o que pasou. Que perdeu a cabeza, que a súa intención non era dolosa, que se lle foi das mans e que acabou producíndose o falecemento da vítima. El foi quen chamou a policía e en todas as súas declaracións, tanto na policía como no xulgado, sempre recoñeceu a autoría dos feitos", explica Miguel Vázquez Blanco, avogado da defensa.


Nesta segunda sesión do xuízo declarou outro compañeiro de piso que levaba escasos días convivindo con eles. Explicou que o día anterior aos feitos, ambos os dous xa mantiveran unha forte discusión por asuntos persoais e que el ao escoitar berros pedindo axuda saíu do cuarto e viunos forcexar. Porén, engadiu, que o agora procesado aseguroulle que todo estaba ben e que non se metera nos problemas deles.

Axentes da Policía Nacional que se achegaron ao barrio de Labañou, pouco despois do crime, destacaron que atoparon o acusado tranquilo e colaborador, e que lles contou que discutira co seu compañeiro de piso e que cría que estaba morto.

A Fiscalía pide para el 17 anos de cadea ao consideralo autor dun delito de asasinato con aleivosía. Porén a defensa nega esta acusación.

"Nós estamos cualificando os feitos como un homicidio imprudente e subsidiariamente como un homicidio", afirma Miguel Vázquez Blanco, avogado da defensa.

O xuízo, que se celebra con xurado popular, continúa mañá.
 

Noticias web

08/09/2020