CRTVG

Buscar

Seguen os cribados universitarios en Ourense; de momento, cun positivo

Publicado o 28/02/2021 14:23

Segunda xornada de cribados aos estudantes universitarios do campus de Ourense. Polo de agora rexistrouse un único positivo, das 2.221 probas realizadas. A asistencia foi dun 45,6 %. Para este domingo estaban citados algo máis de tres mil alumnos. Tiñan todo o día, de nove a dúas, e de tres a oito da tarde, para achegarse ao pavillón deportivo onde o persoal de enfermería lles realizararía o test de antíxenos. En quince minutos podían saber se son ou non positivos en covid-19.

"Vai indo ben, oxalá que aínda viñesen un pouco máis de estudantes, que sería o ideal para eles para que empezasen mellor as clases, máis cribados, que non houbese problemas, pero vai indo ben, podía ir un pouco mellor, máis afluencia, pero ben", indicaba Alberto González, enfermeiro. 

O cribado comezou o sábado. Estaban convocados 1.400 alumnos e acudiron a metade. Os que non se presentaron aínda poden facelo este domingo.

"E que o tema de facelo a fin de semana, tamén, a maioría dos estudantes... Eu son de fóra, non son de aquí de Ourense, entón é complicado ter que vir un sábado ou o domingo ou luns, que é máis practico pero, é un esforzo". "Como avisan dun día para outro, ao mellor a xente ten cousas que facer e non sei".

De momento, os tests de antíxenos realizados neste pavillón non descubriron ningún positivo. Estes cribados que se están facendo durante a fin de semana en Ourense e Ferrol continuarán durante esta semana nas tres universidades galegas. Intentan localizar estudantes contaxiados asintomáticos antes de retomar, este luns, as clases presenciais.

"Entón non se sabe, ao mellor pensamos que estamos ben e damos positivo, a verdade é que está moi ben", aseguraba un alumno.

En total, son máis de 58.000 alumnos os citados para estes cribados.

Noticias web

28/02/2021