CRTVG

Buscar

Baixa o ritmo da suba de casos coa presión hospitalaria aínda en máximos

Publicado o 28/01/2021 10:04

• Hai 1.279 persoas ingresadas: 1.086 en planta (-7) e 193 (+15) nas UCI

 

 

Baixa o ritmo da suba de casos coa presión hospitalaria aínda en máximos

A terceira vaga segue en datos elevados de casos e hospitalizacións, pero nesta xornada faino a un ritmo menor que onte. Segundo os últimos datos do Sergas, consolidados onte ás 18:00, hai 21.613 casos activos (+320), logo de detectárense 1.468 contaxios.

O ritmo de contaxios segue a ser semellante ao dos últimos días, pero o elevado número de altas (1.119) fai que o balance de casos activos reduza o seu ritmo de crecemento.

Por áreas sanitarias, a repartición dos casos activos é:

• A Coruña: 5.855 (+176)

• Vigo: 3.681 (+1)

• Santiago: 3.271 (-38)

• Ourense: 2.968 (-12)

• Pontevedra: 2.154 (+132)

• Lugo: 1.978 (+24)

• Ferrol: 1.706 (+37)

Baixan os hospitalizados en planta

A presión hospitalaria continúa en valores máximos, aínda que o ritmo de crecemento hoxe é menor respecto ás xornadas anteriores.

Por primeira vez dende o 9 de xaneiro (había 342 persoas en planta), a cifra de ingresadas en planta redúcese. Porén, aumentan as persoas nas Unidades de Coidados Intensivos. Agora hai 1.279 persoas ingresadas nos hospitais galegos: 1.086 en planta (-7) e 193 (+15) nas UCI.

Onte o Sergas notificou 29 falecementos por mor da covid−19 nos últimos días. Así, o número de vítimas aumenta ata as 1.688.

Baixa a positividade

Sobe o número de probas PCR realizadas (12.794, 492 máis ca onte), récord da pandemia. Delas deron positivo 1.121, o cal revela unha positividade do 8,76 %, case dous puntos menos ca onte.

 

Mapa de incidencia por concellos