CRTVG

Buscar

Seguen caendo en Galicia os casos activos (-109) e a presión hospitalaria (-30)

Publicado o 02/12/2020 14:14

• Todas as áreas reducen os seus casos activos, coa da Coruña á cabeza

• Na última semana Galicia reduciu o número de contaxiados en 1.101

Os casos activos volven descender en Galicia unha xornada máis. Hai 7.537 persoas contaxiadas pola covid−19, 109 menos ca onte. A tendencia descentente suave consolídase de xeito cada vez máis claro: na última semana reduciuse en 1.101 o número de casos.

Por áreas sanitarias:

• Vigo: 1984 (-9)
• A Coruña: 1.575 (-31)
• Pontevedra: 1.122 (-15)
• Lugo: 911 (-24)
• Santiago: 834 (-11)
• Ourense: 436 (-13)
• Ferrol: 675 (-6)

Segue reducíndose a presión hospitalaria

Dende o luns da semana pasada, o número de persoas ingresadas nas UCI foi descendendo de xeito irregular das 100 ata as 67 que hai agora (dúas menos ca onte). Algo semellante acontece coa cifra das ingresadas en planta, que volve reducirse: hai 364, 28 menos ca onte. Son niveis de finais de outubro.

Por desgraza, o número de vítimas desta segunda vaga non cesa de subir. Onte Sanidade comunicaba o pasamento de dez persoas por mor da covid−19 no país, entre elas un mozo de 28 anos procedente da residencia de discapacidade Doral.

Soben as PCR, descende a positividade

O número de probas PCR volve situarse na media da última semana, con 6.535 (+2.069). Se comparamos cos anteriores mércores, serían 196 menos que a semana pasada e 801 menos que a anterior.

Do total de probas PCR feitas, deron positivo 328, e iso deixa unha taxa de positividade do 5,02 %, preto do valor medio dos últimos sete días -5,08 %-. Iso vai consolidando unha aproximación ao limiar do 5 % que a OMS considera recomendable para considerar que está "baixo control" unha pandemia.

 

Mapa de incidencia por concellos