Segue o descenso de infeccións e de positivos e redúcese a presión asistencial
• Baixan as infeccións a 3.676, a cifras de comezos de setembro
Os indicadores que nos deixa a incidencia da covid−19 en Galicia melloran conforme pasan os días. Sanidade con datos das 18 horas do sábado notifica que hai 3.676 casos activos de coronavirus, cunha caída de 276 infeccións respecto da xornada anterior.
Diminúe a presión asistencial e son 382 os pacientes ingresados nos hospitais galegos (-10). O maior descenso prodúcese en planta, con oito enfermos menos que a véspera, e en UCI hai 80 persoas (-2).
Os positivos detectados en todas as probas realizadas foron 137, que supoñen unha baixada de 47. Nas PCR diagnosticáronse 112 contaxios, que son 64 menos que a xornada precedente.
Os falecidos na crise sanitaria son 2.268 desde marzo do ano pasado, tras informar o Sergas a últimas horas do sábado da morte de catro persoas de entre 64 e 85 anos ingresadas en diferentes hospitais galegos.
Situación por áreas sanitarias
As distintas demarcacións galegas presentan unha evolución positiva da pandemia, aínda que en Lugo aumentaron en dez os contaxios detectados polas probas PCR realizadas. A Coruña e Pontevedra reducen os casos activos de xeito notable, pero a caída prodúcese en todas as áreas. Hai unha lixeira repunta de hospitalizados na Coruña e Lugo.
As infeccións activas quedan así:
A Coruña: 1.270
Ferrol: 321
Lugo: 327
Ourense: 230
Pontevedra: 492
Santiago: 405
Vigo: 631