CRTVG

Buscar

Segue o aumento de casos activos en Galicia ata os 3.484 e hai dous falecidos máis

Publicado o 30/08/2020 21:18

O Sergas notificou na tarde do domingo un segundo falecemento nesta xornada, o dunha muller de 93 anos que estaba ingresada no Hospital Lucus Augusti e que presentaba patoloxías previas. Trátase dunha persoa vinculada á residencia do Incio, polo  que con ela serían seis xa as residentes mortas desa localidade.

Os últimos datos ofrecidos indican que en Galicia hai 3.484 casos activos de coronavirus, 190 máis ca o sábado. Deles 1.382 son da área da Coruña, 675 da de Lugo, que suma 71 dos novos, 324 da de Ourense, 218 da de Pontevedra, 214 da de Vigo, 540 da de Santiago, con 67 máis, e 131 da de Ferrol.

A cifra de contaxios sobe a 310 persoas, dúas máis ca onte. Na gráfica superior pódese comprobar como Lugo iguala este domingo o número máximo de casos activos que se alcanzou o 28 de abril de 2020.

Ademais da falecida na tarde do domingo no HULA, nas últimas 24 horas morreu outro home de 74 anos ingresado no hospital da Coruña que tiña patoloxías previas. A cifra de falecidos é así de 641 persoas desde o comezo da pandemia.

Do total de positivos, 17 están en UCI, dous máis ca o sábado, e 119 en hospitalización, sete máis. E 3.348 están en seguimento domiciliario, 181 positivos máis.

Nas residencias de maiores o número de contaxiados é de 139 usuarios, 38 máis ca o sábado e a maioría concentrados no xeriátrico do Incio. Os profesionais destes centros afectados son 51, catro máis que a xornada previa.

En Galicia 12.556 persoas xa superaron a covid-19 e xa se levan realizado 331.803 probas PCR.