CRTVG

Buscar

Saen polo seu propio pé as tres espeleólogas perdidas nunha cova de Cantabria

Publicado o 15/07/2019 20:42

As tres espeleólogas ás que buscaban na cova Cueto-Coventosa de Cantabria saíron polo seu propio pé e acompañadas por membros do equipo de rescate e efectivos da Garda Civil. Trátase de tres mulleres, dúas de Barcelona e outra de Vinarós, en Castellón, que entraron o sábado a mediodía e acabaron por perderse cando levaban feito a metade do camiño. Ao non saíren o domingo pola tarde activáronse todos os equipos de rescate. Finalmente atopáronas. Estaban desorientadas e cansas por non durmir durante dous días.

José Antonio Santander, rescatador de montaña, asegura que "pensabamos que as iamos atopar máis cansas, máis baixas de moral, pero non nos deu tempo de nada. Iamos acondicionar a instalación para que saísen, pero tiveron que esperar cinco minutos a que tivésemos todo listo"

Foi unha compañeira das tres mulleres a que avisou o servizo de emerxencias do Goberno autonómico. Dous equipos de expertos accederon ao interior da cova, un por cada unha das bocas de acceso, na procura das desaparecidas. Unha das dificultades técnicas da cova é a súa lonxitude, duns 6 quilómetros e medio, o que fai que para completar o percorrido sexa necesario máis tempo do que indican as guías. As tres espeleólogas tiñan moita experiencia pero era a primeira vez que facían esta cova.

  

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/07/2019