CRTVG

Buscar

Ramón Sarmiento: "Hai que construír unha nova normativa laboral de forma pactada"

Publicado o 16/12/2019 10:11

Ramón Sarmiento, secretario xeral de Comisións Obreiras, falou este luns no Bos Días do acordo para o diálogo social acadado entre Xunta, patronal, CCOO e UXT.  Segundo dixo, a negociación foi complexa e dura e CCOO conseguiu introducir boa parte das súas propostas no documento final asinado.

Cualificou de demoledores os efectos da reforma laboral aprobada polo anterior Goberno do PP e amosouse sorprendido e dolorido pola sentenza do Tribunal Constitucional que valida os despedimentos de traballadores con baixas médicas xustificadas. Segundo dixo, iso contradí a normativa europea. O sindicalista espera que si finalmente gobernan PSOE e Unidas Podemos deroguen axiña este e outros puntos da reforma que minguan dereitos laborais, salariais e civís.

"Non se trata só de volver atrás, senón de construír unha nova normativa laboral de forma pactada, non unilateral, como a que impuxo o Partido Popular", dixo, e resaltou que o Goberno ten que contar necesariamente coas empresas e os sindicatos porque son os que manexan diariamente os convenios e o traballo e, polo tanto, os que máis saben da situación, necesidades e problemas do mundo laboral. Avogou por volver ó escenario de 2011 como punto de partida para empezar a negociar.

Sobre os problemas de industrias como Alcoa, lamentou que hai  moitos sectores ameazados e que hai outras empresas en perigo, como Reganosa, Ferroatlantica, o mar ou Endesa. Defendeu unha transición ecolóxica xusta e con tempo na que a comunidade autónoma "ten que esixir autonomía para planificar de xeito ordenado" o seu propoio proceso de transisición ecolóxica.

En canto ao sistema de pensións, Ramón Sarmiento dixo que a actual situación é o espello do deterioro do mercado laboral. Malia todo, sinalou que Comisións Obreiras considera que é un sistema vialble, vital e imprescindible. Lembrou que en Galicia as pensións supoñen 9.000 millóns de euros anuais en nóminas e recalcou que "non son un gasto, xa que as moven a economía e protexen á familia. Necesariamente teñen que ser mellores e hai que reforzar o carácter retributvo do sistema".

O líder sindical amosouse a favor de incrementar o salario mínimo interprofesional ata acadar o 60% do salario medio, que é o que establece a Unión Europea.

"En España estamos 300 euros por debaixo, e o mercado de traballo está en condicións de ir asumindo progresivamente ese 60%".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/12/2019