CRTVG

Buscar

Sarria rexistra dous gromos familiares e outro positivo mantén en corentena varios policías

Publicado o 20/08/2020 16:49
Sarria rexistra dous gromos familiares e outro positivo mantén en corentena varios policías

O municipio de Sarria, na área sanitaria de Lugo, rexistra dous gromos familiares que suman oito casos (sen relación entre eles), mentres que o positivo dun mozo mantén en corentena preventiva á espera das probas a axentes da Policía Local e Garda Civil. Así o informou o alcalde de Sarria, Claudio Garrido Martínez, quen explicou que o primeiro gromo se detectou xa hai días nunha familia que reside nunha aldea illada deste municipio e que rexistra cinco casos.

O rexedor relatou que a un familiar procedente de País Vasco que estivo de visita uns días en Sarria cando regresou ao seu lugar de orixe lle detectaron a covid-19, polo que se confinaron dez persoas desa familia residente no municipio lucense. Nunha primeira proba deron positivo tres deles e outros dous na segunda, co que este gromo rexistra cinco casos. "Asintomáticos todos", recalcou o alcalde, quen sinalou que "hai que convivir coa covid-19".

Uns días despois rexistrouse outro gromo, cuxo caso inicial correspondeu a un mozo que vive cos seus pais noutra aldea de Sarria, o que levou a confinarse ao tres, que deron positivo e mantiveron o illamento domiciliario co control sanitario correspondente. A eles súmase outro caso positivo en Sarria, correspondente a un mozo que ingresou no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo "por outro problema sanitario" e ao facerlle a proba obtivo positivo pola covid, comentou o alcalde.

O home tivera contacto cun médico e axentes da Garda Civil e Policía Local, polo que varias persoas procederon a gardar corentena preventiva.

"Onte (mércores) pola mañá as probas foron negativas", destacou o alcalde, que puntualizou que esas persoas seguen en corentena preventiva á espera das probas definitivas por ter contacto cun caso positivo.

Con todo, o alcalde de Sarria subliñou a "situación de responsabilidade sanitaria" dos veciños afectados, os cales "non teñen ningunha relación" entre eles porque "son vivendas moi illadas" en que residen en núcleos rurais con poucos veciños.