CRTVG

Buscar

Sanitarios de Vigo viven nun hotel para protexer os seus seres queridos

Publicado o 04/04/2020 14:50

Alejandra é enfermeira no Álvaro Cunqueiro, na que lle chaman planta-covid, é dicir, aquela na que, para alixeirar as urxencias, están pacientes con síntomas que agardan os resultados dos tests. Os que dean positivo irán a unha planta específica de coidados para o coronavirus e os que dean negativo poden ser trasladados, por exemplo, ao hospital do Mexoeiro. Decidiu pasar esta crise no hotel Mar de Vigo para protexer a súa nai de idade avanzada. Na súa entrada ao hotel crúzase con outro hóspede, un médico do Cunqueiro que, aínda que non ten contacto co coronavirus porque é urólogo, decidiu protexerse neste hotel para protexer, á súa vez, a súa familia, que é potencialmente de risco respecto á afección respiratoria deste virus.

Esta é Carla e estuda cuarto de enfermería. Onte comezou a facer prácticas na residencia de anciáns de Aldán, onde hai 102 positivos en coronavirus e 9 falecidos. Permanecerá neste hotel do grupo Eurostart mentres traballe.

Ademais de Alejandra, Juan Francisco e Carla hai catro hóspedes sanitarios máis neste hotel, sete en total. Déixanlles a comida na porta, e cada un limpa o seu cuarto. Cando abandonen a habitación quedará seis días sen que ninguén entre e despois desinfectarana concienciudamente. Todos están na planta tres do hotel Mar de Vigo.

Noticias web

04/04/2020