CRTVG

Buscar

Sanidade reforza as restricións en catro rúas da cidade de Ourense

Publicado o 19/09/2020 10:10

• Verín entre os concellos con limitacións, que xa non haberá en Arteixo, A Guarda e O Rosal

• Prohíbese servir no interior dos bares e limítanse as reunións a só cinco persoas 

A Consellería de Sanidade eleva as restricións específicas en catro rúas da cidade de Ourense que son Antonio Puga, Doutor Fleming, Xesús Soria e Avenida de Portugal (dende o cruce con rúa Ervedelo ata cruce con rúa Irmáns Xesta).

Entre as limitacións establecidas para estas rúas están a de limitar reunións privadas ata un máximo de 5 persoas e a prohibición de que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas.

Os restaurantes poden servir no interior, a un máximo de 5 persoas por mesa

A Xunta de Galicia decidiu incluír Verín no grupo de concellos con restricións pola súa evolución epidemeolóxica. Pola contra, Sanidade levanta restricións nos concellos de Arteixo, A Guarda e O Rosal

Mantense as medidas vixentes nos concellos de Santiago, Silleda, Lalín, Lugo, Poio, Pontevedra, Vilaboa, Marín, Ourense e en varios barrios do concello da Coruña

Por tanto neste concellos continúa a limitación da ocupación ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería, onde ademais está prohibido o consumo en barra, a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución as ocupacións en celebracións, velorios e lugares de culto. 

Todas estas medidas publicaranse xa están publicadas no 'Diario Oficial de Galicia' e entrarán en vigor ás 00.00 horas desta noite e volverán revisarse en sete días.

Detectados sete gromos que suman 24 positivos en Ourense e un novo foco en Barbadás

As autoridades sanitarias detectaron na última xornada sete gromos da covid-19 na cidade de Ourense, que suman 24 casos, así como un foco con seis afectados no municipio de Barbadás.

En concreto, segundo fontes da área sanitaria, detectouse un novo gromo no concello de Ourense que afecta a seis mozos con vínculos de amizade, de entre 23 e 26 anos.

Do mesmo xeito, desde onte identificáronse ata seis gromos (con tres casos cada un) de núcleos familiares. Por iso, lembran a importancia de extremar as medidas de prevención e distancia en caso de contacto con persoas maiores ou enfermas da contorna familiar.

Paralelamente, na provincia de Ourense detectouse un novo gromo no municipio de Barbadás, de orixe familiar, que afecta a seis persoas: un home de 74 anos, catro mulleres (de 39, 40, 44 e 74 anos) e a un menor.

Outros gromos activos na provincia

En canto aos gromos activos, o detectado en Verín sobe a cinco casos tras o positivo dun home de 87 anos e o de Riós afecta a cinco persoas, tras o diagnóstico dun home de 67 anos infectado con covid-19.

Así mesmo, na cidade de Ourense, un gromo que afectaba a catro mulleres e dous menores ascende a cinco casos activos tras dar positivo outra muller de 33 anos.