CRTVG

Buscar

Sanidade pecha dous centros de día da Guarda e prohibe as visitas a unha residencia

Publicado o 31/08/2020 19:59
Sanidade pecha dous centros de día da Guarda e prohibe as visitas a unha residencia

Residencia Monte Tecla

A Consellería de Sanidade decidiu a prohibición de visitas nunha residencia de maiores da Guarda (Pontevedra) e a paralización de actividade nos dous centros de día desa localidade, ante a situación epidemiolóxica deste municipio. Así o trasladaron fontes sanitarias, que sinalaron que estas medidas son preventivas e non se deben a que A Guarda teña un número de casos da Covid-19 especialmente elevado, senón ao "tipo de transmisión". 

As mesmas fontes explicaron que os casos na Guarda son "moi dispersos" e, para evitar que se produza unha maior transmisión e que esta afecte a poboación máis vulnerable, optouse por non permitir visitas na residenca Monte Tecla, así como o peche dos centros de día. Así mesmo, Sanidade avanzou que esta semana se fará un cribado con probas PCR para detectar posibles contaxios a todos os residentes, usuarios e traballadores deses centros.