CRTVG

Buscar

Sanidade lembra aos viaxeiros que cheguen a Galicia a obrigatoriedade de rexistrarse

Publicado o 09/10/2020 16:56
Sanidade lembra aos viaxeiros que cheguen a Galicia a obrigatoriedade de rexistrarse

A consellería de Sanidade lembra que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia e que estiveran dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 3,5 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, sexan residentes na nosa comunidade ou non. 

Deberán rexistrarse nun prazo de 24 horas desde a súa chegada.

Poderán facelo mediante o formulario dispoñible na web do Sergas ou mediante unha chamada telefónica ao 881 00 20 21.

Nestes intres, Galicia é a terceira comunidade autónoma con menor incidencia acumulada nos últimos 14 días, de acordo cos datos que reflicte o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitaria do Ministerio de Sanidade.

A web da Consellería de Sanidade recolle a listaxe dos territorios cuxa incidencia epidemiolóxica require desta obriga, podendo ser tanto países extranxeiros coma outras comunidades autónomas.

Esta listaxe actualízase quincenalmente, segundo sexa a evolución epidemilóxica de cadanseu territorio.

A todos os viaxeiros facilitaráselles un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía, ben a través do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia, ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aqueles que non dispoñan dela.

Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias e poderán adoptarse as medidas de seguimento, recoñecemento e control que se consideren necesarias.

Así, por exemplo, no caso de persoas que veñan de territorios cun risco máis alto, independentemente de que teñan sintomatoloxía ou non, podería promoverse a realización dunha proba diagnóstica.

Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes; así como os responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo ou marítimo e outros axentes similares ao incio do proceso de venda dos billetes.

Así mesmo deberán facelo as empresas que despracen aos seus traballadores por motivos laborais.