CRTVG

Buscar

Sanidade financiará, por primeira vez, un medicamento que axuda a deixar de fumar

Publicado o 30/09/2019 21:17

Por primeira vez, o Sistema Nacional de Saúde financiará vareniclina, un medicamento que axuda a deixar de fumar e que ata o de agora non entraba na carteira de servizos. Anunciouno o Ministerio de Sanidade que engadiu, ademais, que será efectivo en cuestión de semanas.

A variniclina ou Champix, a súa marca comercial, é o fármaco que nos axudará a deixar de fumar. Non se trata dun medicamento novo , a novidade é que en cuestión de semanas estará por primeira vez financiado polo Sistema Nacional de Saúde. 

María Josefa Vázquez López, médica de familia, "o que trata de anular é a síndrome de abstinencia que produce o tabaco, é tan importante como o que produce o da cocaína ou o alcol".

A primeira semana de variniclina a dose será baixa e aínda se pode fumar. Incrementarase na segunda semana, xa sen cigarros, e durante tres meses a dose será dunha pastilla pola mañá e pola noite. 

María Josefa Vázquez López, médica de familia: "Case poderiamos dicir que o que o deixa con tratamento son o oitenta por cento e os que o deixan sen tratamento son o vinte por cento, por tanto, poderiamos dicir que a eficacia é moi alta".

Todo o mundo pode tomar a variniclina, é compatible con case todos os tratamentos e non ten practicamente efectos secundarios. Só hai que acudir ao seu médico de atención primaria.

A variniclina tiña un custo aproximado de 120 euros ao mes. A partir de agora o Ministerio de Sanidade calcula que, de entrada , poderanse beneficiar unhas 70.000 persoas.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/09/2019