CRTVG

Buscar

Sanidade fará cribados en Muxía, Dumbría e Cee ante o aumento de casos

Publicado o 26/11/2020 18:28
Sanidade fará cribados en Muxía, Dumbría e Cee ante o aumento de casos

A Consellería de Sanidade, de acordo cos criterios dos especialistas, realizará cribados de covid-19 en servizos esenciais, determinados colectivos profesionais e grupos de idades dos municipios coruñeses de Muxía, Dumbría e Cee.   

Así o explicou o conselleiro, Xullo García Comesaña, durante unha visita ao recentemente reformado PAC de Cee, onde lembrou que esta área é unha das que agora mesmo preocupan os expertos do comité clínico pola evolución do coronavirus, máis concretamente os municipios de Muxía e Dumbría.   

Estes dous concellos, para os que non se tomaron, polo momento, medidas restritivas adicionais, están "en observación", apuntou García Comesaña, que avanzou que este venres volverá revisar a súa situación" o subcomité clínico. En función dos datos, destacou, tomaranse "todas as accións" que os expertos e profesionais da área sanitaria indiquen como adecuadas.

Entre elas, avanzou un cribado polos servizos esenciais dos concellos de Muxía, Dumbría e Cee, así como por determinados grupos de idade e colectivos profesionais que "os sanitarios suxiran".

Reforma do PAC de Cee

Durante a súa visita, Xullo García Comesaña eloxiou a intervención de reforma realizada no PAC de Cee, un espazo que xerou unha "alta satisfacción" tanto en profesionais como en usuarios.   O traslado destas instalacións ao Centro de Saúde da localidade permitiu "liberar espazos" en Urxencias do Hospital Virxe da Xunqueira para "facer máis claros" e cómodos os circuítos dobres para pacientes con sintomatoloxía respiratoria. 

 O conselleiro lembrou que tanto este PAC como o hospital de Cee son equipamentos "fundamentais na asistencia" sanitaria da comarca, apostando por "achegar os servizos" á poboación. As obras de reforma supoñen a adaptación dunha superficie total de 390 metros cadrados, cun investimento de 150.000 euros, entre dotación e obra.

As novas consultas de pediatría e xinecología, que se sitúan no espazo que ocupaba a sala de reunións do centro, supoñen unha superficie de 100 metros cadrados e contarán con catro consultas, das que dúas serán de pediatría.   O novo PAC, que se sitúa na zona onde con anterioridade estaban localizadas as consultas de Pediatría e Xinecología, facilitando un mellor aproveitamento do espazo, contará cunha superficie de 290 metros cadrados que se distribuirá nunha sala de espera para pacientes, catro consultas médicas, tres almacéns, baños e zona de estar para o persoal.

Noticias web

26/11/2020

Máis sobre Dumbría