CRTVG

Buscar

As áreas de Pontevedra e A Coruña seguirán pechadas pola presión nas UCI

Publicado o 03/03/2021 13:21

• O conselleiro de Sanidade asegura que os datos son bos, pero pide prudencia mentres non avance o plan de vacinación

Soutomaior quedará como o único concello de Galicia en nivel máximo de restricións a partir do venres

O conselleiro de Sanidade asegura que a presión hospitalaria nas áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra segue mellorando, pero a situación nas unidades de críticos non permite a súa apertura.

Julio García Comesaña considera necesario ser prudentes porque as porcentaxes de ocupación nas UCI nestas dúas áreas aínda rozan o 25 %. "A previsión é boa e seguro que vai mellorar nos próximos días", subliña, pero, polo momento, o comité clínico recomenda agardar.

Tamén preocupa o avance das novas variantes do coronavrius. Nestes momentos, confirmáronse en Galicia 90 casos da cepa británica e un da surafricana. Ademais, hai outro en estudo da variante brasileira.

Comesaña confirma a mellora da situación asistencial e a tendencia decrecente da curva de contaxios, cunha incidencia a catorce días de 127 casos por 100.000 habitantes. Porén, insiste na necesidade de avanzar na desescalada de xeito progresivo e "sen confiarse" para non retroceder. 

Na conferencia de prensa posterior á xuntanza do comité clínico, que continuou este mércores, o conselleiro pediu responsabilidade mentres non avance o plan de vacinación. Neste sentido, amosou a súa confianza en que as imaxes de aglomeracións rexistradas na fin de semana non se volvan repetir. 

Ademais, confirmou a maioría das decisións que xa se coñeceron nas últimas horas e que o comité clínico revisará o vindeiro venres.

Apertura da área de Ferrol

O comité clínico que segue a evolución do coronavirus en Galicia propuxo na súa reunión deste martes que a área sanitaria de Ferrol se integre nas menores restricións vixentes. Con iso, levántase o peche perimetral nos municipios que a conforman e os locais de hostalería poderán reabrir o seu interior cun 30 % de ocupación, ademais da metade de prazas nas súas terrazas.

Pola súa banda, as áreas sanitarias da Coruña e Pontevedra permanecen pechadas, no nivel alto de restricións. Polo tanto, os seus habitantes só poden moverse a municipios da súa área na súa mesma situación e os locais de hostalería poden abrir só as terrazas ao 50 por cento de ocupación.

Tamén quedan neste nivel alto de restricións os concellos coruñeses de Cariño, Tordoia e Porto do Son; os lucenses de Guitiriz, Lourenzá e A Pobra do Brollón; os pontevedreses de Mos, Mondariz e Pazos de Borbén, e o ourensán de Boborás.

O municipio pontevedrés de Soutomaior é o único de Galicia que permanece no nivel máximo. Iso supón que non se permiten as reunións de non conviventes nin a mobilidade fóra do concello; a hostalería debe permanecer pechada.

O resto dos concellos galegos queda no terceiro nivel, con restricións de carácter medio que permiten unha ocupación do 30 % no interior de bares, restaurantes e cafeterías, e do 50 % nas terrazas. Así mesmo, está permitida a mobilidade con concellos no mesmo nivel e reunións de non conviventes cun máximo de catro persoas.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do próximo venres, segundo informou a Consellería de Sanidade nun comunicado, tras a primeira reunión do comité clínico despois da desescalada iniciada en Galicia o pasado venres.

Galicia conta, actualmente, con tres niveles de restricións. O nivel un ou máximo está pensado para os concellos cunha incidencia de máis de 500 casos por 100.000 habitantes; leva ás autoridades sanitarias a pechar perimetralmente o municipio, impedir a apertura da hostalería salvo servizo a domicilio e para levar e prohibir as reunións de non conviventes.

O nivel dous de restricións ou alto implica mobilidade entre concellos con ese mesmo rango de incidencia da covid-19 (de 250 a 500 casos por 100.000 habitantes), hostalería aberta só en terrazas e reunións de ata catro non conviventes.

O nivel tres ou de restricións medias está deseñado para os concellos con incidencia por baixo de 250 casos por 100.000 habitantes. Implica mobilidade a todos os puntos de Galicia abertos (salvo que teñan maior incidencia), hostalería aberta cunha ocupación do 50 % en terrazas e do 30 % en interiores e reunións de ata catro non conviventes. 

A situación en xeral en Galicia é de melloría, como así o mostran as gráficas que os directivos do Sergas mostraron na rolda de prensa deste mércores. O director do Sergas, José Flores, destacou o descenso na ocupación media dos hospitais galegos como consecuencia da covid, que se sitúa no 5 por cento en hospitalización e no 13 por cento na UCI.

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, destacou o incremento de municipios que non detectaron ningún caso de covid-19 nos últimos 14 días. Trátase de 91, un 36 máis que a semana pasada.

Os concellos sen casos a sete días pasaron tamén de 107 a 165. Carmen Durán tamén puxo o foco en que Galicia presenta neste momento un nivel de reprodución instantánea do 0,8 por cento, por baixo do 1 por cento que se considera o limiar a partir do que existe maior preocupación, e unha taxa de positividade de PCR que se atopa no 3,7 por cento, por baixo do 6,49 por cento da media española.

Sanidade detectou incumprimentos no 31% dos negocios inspeccionados

Os inspectores de Saúde Publica detectaron incumprimentos ou deficiencias na normativa covid no 31% das máis de 4.000 inspeccións realizadas nos primeiras tres semanas de febreiro en establecementos de hostalaría, alimentación, centros comerciais e centros deportivos.

A maior parte destas inspeccións (2.313) leváronse a cabo en establecementos de alimentación como supermercados, hipermercados e ultramarinos, aínda que tamén se fixeron 584 en instalacións deportivas, 255 en centros comerciais e prazas de abastos e, sobre todo na última semana, coa desescalada, 765 en establecementos de hostalaría.

Con todos os datos solicitados, os resultados indican que o 38 por cento dos establecementos cumprían "con todas as medidas" en marcha, mentres que no 31% se detectaron "deficiencias ou incumprimentos". Nestes casos instouse á solución das deficiencias nun prazo determinado, algo que cumpriu "sen problema" o 95% dos amoestados.

En particular, Carmen Durán destacou o "grao tan alto de cumprimento das medidas anti covid" no sector da alimentación, onde só se detectaron "deficiencias menores" no 27% dos establecementos inspeccionados.

En canto ás áreas de mellora máis detectadas polas inspeccións, o 31 por cento tiña que ver co incumprimento dos niveis de ocupación máxima e o 13 por cento coa ventilación non adecuada. Ademais, un 31 por cento das deficiencias entraron no subgrupo 'outros', como a falta de xel hidroalcohólico ou a súa mala localización para o uso do cliente.

A Xunta, explicou Carmen Durán, ten intención de continuar con esta campaña e mesmo incrementala da man do proceso da desescapada, intensificando o asesoramento á hostalaría pero "sen abandonar ao resto" de sectores.

A situación recondúcese nas terrazas

Sobre a situación vivida esta fin de semana, o primeiro da desescalada, na hostalaría, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu que se viron escenas "preocupantes", aínda que, tras a chamada á precaución da Xunta, dixo, "parece que a situación se foi reconducindo".

Como problema principal no cumprimento destas medidas, Comesaña sinalou as ocupación máximas das terrazas, e fixo de novo un chamamento a empresarios e usuarios para que se respecten as normas de prevención.

O próximo día 5, lembrou, concluirá o período de demora dado pola Xunta para que todos os establecementos de hostalaría descarguen o seu cartel normalizado de ocupacións, así como co código QR que os clientes poden utilizar para os rastrexos. O cartel debe estar colocado nun lugar visible.

O conselleiro recoñeceu que durante esta fin de semana producíronse "algúns problemas" na web que facilita esta descarga. Por iso, explicou que este xoves se analizará se "chega a unha porcentaxe" suficiente de carteis descargados ou se é necesario "revisar a situación" e ampliar o prazo para que os establecementos poidan facerse con el.