CRTVG

Buscar

Feijóo non descarta pedir un aprazamento das eleccións por causa do coronavirus

Publicado o 11/03/2020 09:44

O número de infectados por coronavirus ascende a 27 en Galicia, e hai tres casos pendentes de confirmación. O principal foco de contaxio é o centro cívico de Feáns, na Coruña, que xa foi desinfectado e segue clausurado. Esta mesma noite pasada pechou un centro de día e ocupacional en Oleiros.

Con todo, Galicia é unha das comunidades con menor incidencia, pero os expertos advirten que o número de casos pode aumentar. Por iso a Xunta, nunha reunión interdepartamental, decide poñer en marcha medidas para previr a propagación do coronavirus, de momento, para os próximos 15 dias.

Limitaranse as visitas a hospitais e residencias de anciáns, onde cada paciente só poderá recibir un acompañante cuxa idade debería ser, preferiblemente, inferior aos 70 anos.

"Todas as medidas buscan non producir contaxios, o que perseguen é preservar os maiores deste virus porque son o grupo de poboación de maior risco", di Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

Ademais, tamén se limita a presenza de visitadores médicos nos hospitais, e promoveranse as consultas telefónicas. A Xunta tamén toma medidas para os eventos culturais, deportivos e similares. O aforo non poderá superar as mil persoas. No tocante á campaña electoral que empeza o dia 20, tamén hai medidas pendentes.

"Debemos tomar esa evolución en función dos contaxios e da incidencia, hai que respectar os dereitos de todos os cidadáns. Os procesos democráticos téñense que producir con todas as garantías, e garantías nos procesos democráticos significa respectar o dereito ao sufraxio de todos os electores", asegura Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

Engade Feijóo que preponderará o criterio das autoridades sanitarias, e cando haxa algunha recomendación que afecte á campaña ou á celebración das eleccións trasladaráselle ao Goberno central, que é quen ten a competencia para suspendelas.

Desinfectan o centro cívico de Feáns

O centro cívico de Feáns, xa clausurado, converteuse hoxe no primeiro local público en Galicia en ser sometido a un proceso de fumigación para eliminar calquera presenza do coronavirus. Aquí contaxiáronse polo menos 11 dos infectados na comunidade. A alcaldesa da Coruña di que se reabrirá ao público cando o autoricen as autoridades sanitarias. O Concello non ten previsto o peche de ningunha outra instalación.