CRTVG

Buscar

Sanidade avanza "medidas adicionais" para Lugo e Pontevedra e non as descarta noutras cidades

Publicado o 29/10/2020 21:39

O conselleiro de Sanidade informou ao alcalde de Pontevedra e á alcaldesa de Lugo de que a evolución da covid-19 nos seus municipios non é boa. E á espera da análise da situación que faga este venres o comité clínico, xa lles adiantou que poderían endurecerse as actuais restricións.

"O certo é que a pesar desas medidas vemos que a tendencia segue en crecemento, entón, anticipámoslles aos dous concellos a posibilidade de que no comité clínico de mañá se propuxese algún tipo de restrición adicional nestes dous concellos", asegurou Julio García Comesaña.

Tampouco desbota medidas máis severas nos concellos de Ferrol e de Vigo. Os seus alcaldes, como fixeran os de Pontevedra e Lugo, ofrecen colaboración e avalan as decisions que adopte a Xunta por recomendación dos expertos. Abel Caballero insiste en que a área sanitaria ten máis casos porque ten moitos máis habitantes, pero que a incidencia acumulada aínda está por debaixo da media galega.

"Pero non nos confiemos en absoluto, porque está medrando e se seguimos así imos superar a media", engadiu o alcalde de Vigo.

As medidas en Ourense, as máis duras de Galicia, parece que comezan a dar resultados. Non está tan claro no caso de Santiago. Ten restricións de nivel 3 e se na avaliación deste venres non se observa unha mellora poderían endurecerse e afectar tamén aos concellos limítrofes de Ames e Teo.

Noticias web

29/10/2020