CRTVG

Buscar

Sanidade alivia as restricións en Santiago e Ourense

Publicado o 02/12/2020 08:45

• Relaxa as medidas na Estrada e Ares e nas áreas formadas por Santiago-Ames-Teo e Ourense-Barbadás-O Pereiro de Aguiar

• Incrementa as limitacións na Guarda e As Pontes e mantén baixo vixilancia Boiro, A Rúa, A Lama, Ordes e Cerceda

• Esta mañá coñeceremos os detalles da nova situación


 

O comité clínico que asesora á Xunta na xestión da pandemia decidiu aliviar as restricións nas denominadas áreas perimetrais de Santiago-Ames-Teo e Ourense-Barbadás-O Pereiro de Aguiar, que pasarán ao nivel dous, xa que a evolución epidemiolóxica así o permite.

Tamén verán aliviadas as súas limitacións A Estrada, en Pontevedra, e Ares, na provincia da Coruña, de maneira que a hostalería xa non necesita seguir clausurada e tampouco os movementos estarán limitados.

Pola contra, na longa reunión mantida polos expertos este martes acordouse o incremento das restricións ao nivel máximo, coñecido como o "modelo Carballiño", na Guarda (Pontevedra) e As Pontes (A Coruña), e con iso pasarán a formar parte da listaxe de 56 concellos con medidas especiais.

Nas localidades de Boiro, Ordes e Cerceda, na provincia coruñesa, e tamén na Lama (Pontevedra) e A Rúa (Ourense), haberá unha "especial vixilancia" debido á preocupación que existe ante os datos que se van coñecendo no día a día.

En todo caso, mañá, nunha conferencia de prensa a Xunta concretará as medidas e a situación na que quedará a restauración nesas áreas en que as medidas anticovid−19 pasarán a relaxarse desde que se produza a preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

En vésperas da longa ponte da constitución, o Ministerio de Sanidade reunirase este mércores coas autonomías para tentar pechar un documento conxunto de recomendacións para o Nadal e evitar así festas distintas, porque aínda que hai comunidades que apostan por alixeirar as restricións, outras prefiren endurecelas co obxecto de evitar unha terceira vaga.

Galicia sumou nas últimas 24 horas 270 novos contaxios por coronavirus, practicamente os mesmos que o luns (251), e descendeu notablemente a presión asistencial. Son 392 as persoas hospitalizadas enfermas de covid−19, 14 menos que onte, máis outras 69 en UCI, nove menos, segundo o último parte actualizado do Servizo Galego de Saúde.

A cifra de contaxios activos sitúase nos 7.646, 160 menos ca onte. As PCR realizadas na última xornada analizada foron 4.466, 1.004 menos que o domingo, cunha taxa de positividade superior á daquela, do 5,2 %.

O cómputo mortal da pandemia do coronavirus en Galicia elévase ata os 1.221 decesos, cos dez comunicados na xornada de hoxe. A área sanitaria de Vigo segue sendo a que soporta maior cantidade de contaxios activos, pero baixou da barreira dos 2.000 ata situarse en 1.993 (-28), tras reportar 69 PCR positivas (+34).

O segundo maior índice de novos contagios produciuse en Pontevedra, con 49, aínda que descenderon os contagios activos a 1.137 (-19). A Coruña contabilizou 36 PCR positivas e reduciu a incidencia acumulada a 1.606 casos (-53); Lugo, 38 PCR positivas e 935 contagios activos (-16); Santiago, 25 PCR positivas e 845 contaxios activos (-15); Ferrol, 12 PCR positivas e 681 contaxios activos (-20), e Ourense, 10 PCR positivas e 449 contaxios activos (-9).

A Consellería de Sanidade incidiu na nota remitida á prensa esta noite, na necesidade de cumprir de maneira estrita coas restricións impostas para así conseguir que estas vaian diminuíndo progresivamente.