CRTVG

Buscar

Sánchez salva a quinta prórroga do estado de alarma grazas a PNV e Cs

Publicado o 20/05/2020 20:24

• O voto en contra de ERC e Compromís evidencia o afastamento cos socios de investidura | Sánchez di que Cs non é o seu socio e pide "non estragar" o conseguido 

• Casado censura a "brutal reclusión" e Vox avisa que "a España da cazoladas é imparable" | O BNG pide superar a división "anacrónica" das provincias 

 

 

O Congreso dos Deputados autorizou este mércores a declaración da quinta prórroga do estado de alarma ata o 7 de xuño por unha marxe de 15 votos. Un total de 177 "sis" conseguiu o Goberno de Pedro Sánchez, os do PSOE, Unidas Podemos, Cs, PNV, Más País, Coalición Canaria, PRC e Teruel Existe.

A formación Compromís, así como Nova Canarias, apeáronse do apoio que viñan dando ao Executivo. O bloque dos "nons" subiu considerablemente respecto a anteriores prórrogas debido ao voto do PP. 162 "nons" cultivou o Goberno.

Dous deputados de Vox votaron por erro telematicamente a favor da prórroga do estado de alarma, mentres que Adriana Lastra, a voceira parlamentaria do PSOE, se abstivo tamén por equivocación. 

O Goberno volveu lograr o apoio á prórroga do estado de alarma, pero Pedro Sánchez comprobou este mércores no Congreso como varios dos socios que fixeron posible a súa investidura se afastan del por pactar de novo con Ciudadanos para sacar adiante esta votación.

A quinta prórroga do estado de alarma -ata as 00.00 horas do 7 de xuño- sae adiante grazas aos votos favorables do partido laranxa e do PNV, pero eleva a distancia de Sánchez cun partido que foi clave na súa investidura, ERC, con outra formación que ata o de agora fora incondicional no seu apoio ao Executivo nesta crise, Compromís e con outros partidos da esquerda parlamentaria.

Non só os portavoces de ambas formacións, Gabriel Rufián e Joan Baldoví, senón tamén outros como o de Más País, Íñigo Errejon, que si que apoia a prórroga, ou os de Bildu e BNG, que se absteñen, coincidiron en advertir a Sánchez dos perigos de achegarse a Cs en lugar de afianzar as súas alianzas máis tradicionais.

Sánchez, que instou a todos a apoiar a prórroga para "non estragar" o conseguido estas semanas de confinamento, recalcou que Ciudadanos non é o seu socio de Goberno e subliñou que mantén todos os seus compromisos de investidura. Así llo dixo a todos, pero en especial a ERC, ao que prometeu seguir buscando para dialogar ao longo desta lexislatura, que segundo subliñou durará catro anos.

Sánchez chegou a este debate cun discurso moi similar ao doutras prórrogas, insistindo en que o estado de alarma é o único instrumento constitucional posible para seguir limitando a mobilidade. Pero tamén foi máis incisivo que en ocasións anteriores nas súas advertencias sobre os riscos que se correrían se non se aproba esta prorroga para que a desescalada sexa ordenada, e a "irresponsabilidade" en que incorrerían os partidos se ocorrese.

Insistiu en pedir o apoio a estes "últimos metros do estado de alarma" e mesmo suxeriu na súa réplica a Baldoví que se está "expondo a última prórroga" para abordar con "máxima eficacia a desescalada", pero tamén deu por feito que haberá algún rebrote. "Ninguén ten dereito a estragar o que conseguimos entre todos estas semanas de confinamento", sentenciou Sánchez, quen tamén pediu desculpas polos erros do seu Goberno, á vez que dixo desculpar os erros doutros dirixentes políticos.

A todos eles, de todas as administracións e partidos, a todos os que teñen responsabilidades públicas nesta crise, transmitiulles o seu recoñecemento e deulles as grazas, ademais de defender que se avanzou na cogobernanza e que a medida que avance a desescalada as comunidades recuperarán a súa "plena capacidade de decisión".

Pero tamén subliñou que durante todo este tempo se mantivo a "corresponsabilidade" das comunidades autónomas no exercicio das súas competencias, porque o decreto do 14 de marzo polo que se aprobou a alarma non relevaba aos conselleiros das comunidades de "ningunha das súas funcións", e mantiñan a xestión dos servizos sanitarios.

Unidade é o que volveu a pedir Sánchez neste debate, en que arremeteu sobre todo contra o líder do PP, Pablo Casado, por "dimitir" da súa responsabilidade de Estado como máximo responsable da oposición e "abrazar" a ultradereita e volveu a felicitar a Ciudadanos por demostrar que os seus dez escanos son máis "útiles" que os 89 dos populares.

"O seu plan foi un fracaso"

O presidente do PP, Pablo Casado, replicou con dureza a intervención do presidente. "O seu plan foi un fracaso", sentenciou, tras asegurar que "a neglixencia do Goberno impediu salvar miles de vidas e millóns de empregos". Por iso, dixo Casado, "súa é a responsabilidade" porque "non quixo contar con ninguén", e, daquela, "a historia non o absolverá".

Acusou a Sánchez de pedir axuda para evitar o caos, cando "o caos é vostede", e reprochoulle a imposición á cidadanía dunha "brutal reclusión" que de continuar "acabaría co noso estado de benestar".

Segundo Casado, o Goberno aproveitou a excepcionalidade "para aprobar un bosque de 210 normas excepcionais". Ademais, dixo que Pedro Sánchez "volve traer aquí o seu frustrado plan A, e o resultado é o plan D de sempre: débeda, déficit, desemprego, malgasto e depresión". 

Fronte a isto, Casado propuxo medidas como o reforzo da atención primaria domiciliaria, telefónica e telemática, a creación dun "pool nacional de persoal de reforzo" e a obrigatoriedade do uso das máscaras, que "non fixeron antes pola súa incapacidade para compralas". Tamén propuxo un plan "para evitar o rescate e os recortes sociais aos que nos dirixe este Goberno" e a apertura dun "ciclo reformista para recuperar a competitividade e a flexibilidade".

Estado de alarma "ilegal"

O líder de Vox, Santiago Abascal, puxo en dúbida as cifras oficiais de mortos. "27.000? Máis ben 50.000, pero saberémolo", dixo, para acusar o Goberno de coñecer a letalidade do virus en febreiro. Por iso, advertiu que non descansará ata que se faga xustiza. 

Abascal dixo que a quinta prórroga do estado de alarma é "ilegal" e advertiu de que o plan "deliberado" de Sánchez é seguir a axenda dos seus socios de Goberno baseada, dixo, en destruír emprego e empresas.

Á esquerda nunca lle gustou a nación, preferiu a loita de clase", dixo, para engadir que "a revolta das cazolas xa se estendeu por todos os barrios e por toda España, por moito que se empeñe o señor Marlaska". O líder ultradereitista chamou a protestar porque "a España dos balcóns e as cazolas é imparable".

Na súa réplica aos grupos, Pedro Sánchez lamentou que Pablo Casado, "entre serlles útil aos españois e abrazar a ultradereita" elixira o segundo.  Ademais, acusou tanto o PP como a Vox "de usar un virus para derrocar o Goberno". 

O presidente do Goberno acusou o PP de carecer de argumentos e de "dimitir da principal responsabilidade como líder da oposición". Espetoulle que non ten alternativa á proposta do Goberno e de estar, pola contra, "contribuíndo á estratexia da ultradereita". Nese sentido, espetoulle ao responsable de Vox que critique a falta de querencia a España do PSOE e UP. "Pero a España que vostede defende é moi pequeniña e só responde ao discurso do odio".

"Menos mal que estamos"

Desde Unidas Podemos, Pablo Echenique, resumiu a súa intervención afirmando que "estamos mal pero menos mal que estamos e que non están vostedes".

Dirixíndose a Pablo Casado, dixo que "xa sabemos o que faría vostede no noso lugar, actuaría como Isabel Díaz Ayuso na Comunidade de Madrid", para engadir que "dá pánico con só imaxinalo". A presidenta madrileña, "unha Trump castiza", segundo Echenique, é o modelo a seguir polo líder do PP. Nese sentido, o voceiro de Unidas Podemos fixo referencia ás medidas polémicas adoptadas por Díaz Ayuso, como a comida rápida destinada aos nenos máis vulnerables ou as súas manifestacións públicas "acirrando manifestacións nos barrios máis podentes que poñen en risco a saúde de todos".

"Non tome os españois por idiotas", dixo, para engadir que a pesar do mando único "as comunidades autónomas retiveron as súas competencias e "Ayuso, o seu modelo a seguir, ten os peores datos" da pandemia.

O apoio de Cs

O voceiro adxunto de Cs, Edmundo Bal, con quen o Goberno pactou onte o seu apoio á quinta prorrogación do estado de alarma, advertiulle ao presidente que "non ten un novo socio porque os seus socios son os que o deixan na estacada".

Engadiu que o apoio do seu partido obedece a que "é un partido de Estado" e polo tanto "votamos si aos españois e só aos españois".

O BNG abstense

Desde o BNG, Néstor Rego insistiu en que na desescalada é necesario superar a división provincial, que "non responde a ningunha realidade, máis ben é percibida como un anacronismo". Pero Sánchez, aínda que dixo que "a situación epidemiolóxica en Galicia vai permitir que iso poida acontecer axiña" rebatiu esta demanda dicindo que "nós seguimos criterios científicos".

Rego puxo tamén o acento nos criterios "prexudiciais" para a repartición de axudas nas comunidades autónomas. Citou como exemplo "que se valoren aspectos como o esforzo económico e se obvien outros como a dispersión e o envellecemento da poboación".

Concluíu dicindo que o PSOE e UP "equivócanse buscando apoios á súa dereita e non na esquerda e no soberanismo" para rematar asegurando: "Din que son un Goberno que escoita; escoiten a voz do pobo galego".

Pola súa banda, o voceiro de ERC, Gabriel Rufián, reprochoulle a Pedro Sánchez que levara por diante, "quizais de forma irremediable", dixo, o "espírito" da investidura, ao pactar a prórroga con Ciudadanos, e non co seu partido.

Semella que os contactos entre o Goberno e a formación republicana non deron froitos e non terá o seu apoio. Rufián acusou o Goberno de "xogar á chantaxe" nas negociacións.

Na súa resposta a ERC, Sánchez garantiulle que mantén os seus compromisos de investidura, e comprometeuse a seguir dialogando con ese partido ao longo da lexislatura.

Compromís votará non á nova extensión da alarma. Joan Baldoví amosou a súa "decepción" co Goberno e acusouno de faltarlles ao respecto aos valencianos por negarlles un fondo de financiamento, pero pactar con quen "branquea a ultradereita".

EH Bildu anunciou a abstención do seu grupo na votación. Dáse por feito, daquela, que o Goberno aceptou a demanda manifestada pola voceira da formación vasca, Mertxe Aizpurua, que lle advertira ao presidente que estaban "á espera" de coñecer se está disposto a acordar a derogación da reforma laboral, tal e como quere o seu grupo. Aizpurua felicitouse porque "cando hai vontade, hai avances".

JxCat confirmou o seu voto en contra da proposta do Executivo polo seu "atropelo ao autogoberno", segundo dixo a deputada Laura Borràs, que rexeitou a cogobernanza desta nova fase por "inconcreta".

Duante a súa intervención, a voceira socialista, Adriana Lastra, interrompeu o discurso para dirixirse ao deputado do PP José Luis Echániz: "Estasme ameazando?", díxolle. Segundo fontes parlamentarias, este, desde o seu escano, respondeulle: "Vaste enterar".

Tensión no debate

Todo nun debate non exento de momentos de tensión -como o cruzamento de reproches vivido na portavoz socialista, Adriana Lastra, e o deputado do PP José Luis Echániz- no que Sánchez finalizou pedindo a todos que votasen pensando na súa responsabilidade "moral" como representantes públicos