CRTVG

Buscar

Sánchez saca adiante a última prórroga do estado de alarma nun Congreso tenso

Publicado o 03/06/2020 19:27

• O Goberno aprobará a semana que vén as medidas sanitarias posteriores á alerta

• Sánchez, ante as críticas de PP e Vox á manifestación feminista: "Viva o 8 de marzo!"

• Di que Casado pide a dimisión de Marlaska porque está a destapar "a policía patriótica" 

 

Pedro Sánchez logrou sacar adiante a última prórroga do estado de alarma nun Congreso tenso e polarizado en que pediu unidade para a reconstrución e reclamou rebaixar o ton, pero tamén arremeteu con forza contra PP e Vox e os responsabilizou da crispación.

A autorización da sexta e última prórroga saíu adiante por 177 votos a favor, 155 en contra, e 18 abstencións, grazas ao apoio dos dous partidos do Goberno, PSOE e Unidas Podemos, e de Ciudadanos, PNV, Más País, Coalición Canaria, PRC e Teruel Existe.
Tal e como anunciaran, votaron en contra o PP, Vox, JxCat, Compromís, a CUP, UPN e Foro, mentres que ERC, Bildu e o BNG se abstiveron.
Tras a autorización do Congreso, o Consello de Ministros reunirase previsiblemente o vindeiro venres para aprobar definitivamente o decreto que regulará as condicións desta última prórroga por outros quince días do estado de alarma.
Un decreto que inclúe algunhas novidades, xa que serán os presidentes autonómicos os que pilotarán o paso da fase 3 da desescalada á "nova normalidade" e terán a última palabra sobre a duración dese período. Ademais, a chamada "nova normalidade" quedará regulada mediante un decreto que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que se aprobará o próximo 9 de xuño en Consello de Ministros. Un decreto que, con todo, "será o máis básico posible", porque, segundo Sánchez, o Goberno non busca " sobrerregular" senón garantir as medidas que as autoridades sanitarias seguen crendo necesarias para a contención do coronavirus. 

O presidente do Goberno asegurou na súa intervención que o peor pasou e que a desescalada non tivo polo momento efectos negativos sobre a pandemia. O xefe do Executivo dedicou boa parte do seu discurso a falar da necesidade de acabar coa crispación política. Recomendou "dicir non ao veleno do odio" e reclamou á oposición "altura parlamentaria".

Pero tras unha dura rolda de grupos, en que recolleu os maiores reproches da bancada da dereita, cargou contra os líderes do PP e VOX, a quen situou ao mesmo nivel. Sánchez  acusou a Pablo Casado de "utilizar os mortos contra o Goberno de España, como fixo sempre o PP cando estivo na oposición" e volveulle a aconsellar que "non se sume" a Abascal, porque así fai "pequeno" o seu partido e "grande a ultradereita".

Moi duros foron tanto Casado como Abascal co presidente do Goberno.

O líder do PP acusouno de protexerse "baixo o palio" do estado de alarma e tamén de "ocultar" as cifras reais de falecidos e prometeu que pedirá unha comisión de investigación parlamentaria sobre a "nefasta xestión" do Goberno na pandemia.

"Lémbrolle que alí (na comisión) non poderán seguir mentindo sen consecuencias penais", díxolle Casado a Sánchez.

Máis duro foi Santiago Abascal, que acusou o vicepresidente Pablo Iglesias de "desexar unha guerra civil" e dixo que é o Goberno e non Vox o que está a incitar ao odio. Se Sánchez reprochaba á dereita insistir en que se deberon suspender as celebracións do Día da Muller e lanzaba un "Viva o 8 de marzo!", Abascal replicoulle dicindo que iso é como gritar: Viva a enfermidade e viva a morte!".

No debate volvéronse escoitar por outra banda reproches ao Goberno por pactar a varias bandas, e as xustificacións duns e outros por seguir chegando a acordos aínda que non lles guste a xestión do Executivo ou teñan as súas reservas sobre outras alianzas. Así, o portavoz de ERC, Gabriel Rufián, advertía de novo a Sánchez dos perigos de seguir pactando con Ciudadanos, que é " Vox en fase un", e insistíalle en que "todo non pode ser". "Dime con quen pactas e direiche que pactas", sinalou.

Aínda que Rufián tivo hoxe outros encontróns, coma os vividos coa portavoz de JxCat, Laura Borrás. Borrás botoulle en cara a Rufián o seu acordo para a abstención co Goberno mentres insistía en que o independentismo debería ir unido e lamentaba que o portavoz de ERC acusara o seu partido de permitir gobernar a dereita no pasado -cando CIU permitiu a investidura de Aznar.

O portavoz adxunto de Ciudadanos, Edmundo Bal, atacou e xustificouse por igual: espetoulle ao presidente que este Goberno non lle gusta a Cs "nada, nada" pero defendeu o seu voto favorable e o acordo co Executivo "só polo ben de España". Plans económicos concretos, e non un "parcheo constante", é o que reclamou Aitor Esteban, o portavoz do PNV, o outro partido que como Cs chegou tamén a un acordo para votar si.

Compromís segue no non e continúa reclamando un trato máis xusto no financiamento, como explicou Joan Baldoví, a quen Sánchez dixo non entender. Pola súa banda, portavoces como o do PRC e o de Teruel Existe advertiron o presidente de que o seu apoio non é un "cambio de cromos".

"Exerza a súa responsabilidade na mobilidade"

O BNG absterase nesta votación. Na súa intervención, o representante do BNG, Néstor Rego, pediulle ao presidente que "exerza a súa responsabilidade na mobilidade para evitar rebrotes", porque "fronte á cerrazón que impide que galegos e galegas poidan moverse polo seu territorio", Rego denunciou que "alcaldes e alcaldesas denuncian con preocupación a presenza crecente e masiva de persoas foráneas nas vilas de toda a costa galega, que chegan sen ningún tipo de restrición e que representan un risco importante de rebrotes para a poboación galega porque maioritariamente proceden de territorios que aínda están en fase 1, como Madrid".

 

Na súa réplica, o presidente do Goberno dixo que non lle foi trasladada esa información e comprometeuse a "coñecer exactamente deses fluxos de mobilidade porque é importante, tendo en conta que son territorios que están en fases distintas e debemos ter a máxima precaución", dixo.

Rego tamén falou da bandeira, "a do meu país", e puntualizou: "A que alzan os traballadores e traballadoras de Alcoa para defender o seu futuro", dixo, amosando fotografías das protestas destes días na Mariña polo despedimento colectivo anunciado nesta empresa.

"Inexplicablemente o Goberno aínda non se moveu" denunciou. E puntualizou: "Estes non son os ricos de Núñez de Balboa defendendo os seus privilexios,  son os traballadores do meu país loitando polos seus dereitos; espero que o teña en conta". 

Na súa resposta a Rego, Pedro Sánchez lamentou o anuncio feito pola empresa, "que leva recibido 38 millóns de euros a cambio de manter os empregos", e dixo que espera "contar co apoio da Xunta" para buscar unha solución que evite a perda dos máis de 500 postos de traballo que propón Alcoa.

Noticias web

03/06/2020