CRTVG

Buscar

Sánchez rectifica na polémica dos fiscais e atribúeo ao cansazo da campaña

Publicado o 07/11/2019 20:08

Pedro Sánchez sae ao paso das declaracións que xeraron a indignación das principais asociacións de fiscais. Rectifica tras insinuar, a propósito do proceso de extradición de Puigdemont, que a Fiscalía seguía as ordes do Goberno.

O presidente do Goberno en funcións di: "A Fiscalía, o nomeamento depende do Goberno de España, efectivamente, pero é autónoma. A verdade é que non fun preciso na afirmación que fixen. Son moitas entrevistas, moitas horas fronte a un micrófono, a unha pantalla. Algunhas veces un non é preciso".

Pero para os partidos da oposición o dano das súas palabras xa está feito. E as forzas de centrodereita temen que prexudique o proceso de extradición de Puigdemont.

Pablo Casado, presidente do Partido Popular asegura: "O dano que lle fixo ao procedemento para reclamar a extradición do señor Puigdemont e o resto dos conselleiros fuxidos da xustiza española é tremendo".

Pola súa banda, Albert Rivera di: "Puigdemont xa dixo que vai aproveitar as palabras de Pedro Sánchez para levalo ao xuízo en Bélxica. É normal esta irresponsabilidade?".

Os partidos á esquerda do PSOE ironizan sobre o lapso e pídenlle a Sánchez que deixe actúar a xustiza sen intromisións.

Pablo Iglesias explica: "Algúns xa din que Puigdemont non vai vir na vida porque calquera está na posición dos fiscais agora para pedirlles nada aos belgas".

Íñigo Errejón engade: "E deixar de meter o nariz en como ten que traballar a xustiza, en como teñen que traballar os fiscais".

As forzas independentistas catalás acusan o Goberno en funcións de vulnerar a separación de poderes.

Noticias web

07/11/2019