CRTVG

Buscar

Sánchez promete ante os empresarios "disciplina fiscal" no novo goberno

Publicado o 20/11/2019 20:26

O PSOE non cre que a sentenza dos eres lle dificulte a investidura. Pedro Sánchez anunciou este mediodía que confía en formar goberno nas próximas semanas, e lanza unha mensaxe de estabilidade aos mercados: di que será un goberno estable e responsable. Esquerra Republicana organizou unha consulta entre as súas bases para decidir se apoian ou non a investidura.

Pedro Sánchez mantén o seu obxectivo de formar goberno antes do Nadal e cre que nas próximas semanas se poden concretar os apoios que permitirán a súa investidura. Nun cumio con empresarios, comprometeuse a formar un executivo estable, con seguridade xurídica, dixo, e rigor orzamentario. 

Pedro Sánchez: "A estabilidade institucional é o piar sobre o que se ten que asentar o traballo da próxima lexislatura, e esa é a intención e a vontade do novo Goberno. Un goberno responsable pode ter unha prioridade social moi marcada, pero vai traballar tamén dentro das marxes financeiras que permite a realidade económica".

Sánchez non fixo referencia algunha á sentenza dos eres. Desde o PSOE cren que non lles vai afectar para formar goberno. Magdalena Valerio, PSOE: "Non creo que lle afecten en absoluto aos pactos de investidura"

Para o PP e Ciudadanos, a sentenza ratifica a súa postura en contra da investidura de Sánchez, e pídenlle que asuma responsabilidades.

Juan Marín, Ciudadanos: "É o caso de corrupción política máis grande da Unión Europea, como non vai asumir responsabilidades? Rafael Hernando, PP: "Esconder a cabeza no furado non pode ser unha postura política nestes momentos, porque como dixo o propio Sánchez noutra ocasión, o silencio faino cómplice"

O PSOE mantén as negociacións pero polo momento non deron froito. Esquerra Republicana, imprescindible para a investidura, fará unha consulta interna o próximo luns para que sexa a militancia quen decida a posición do partido.

Outro dos partidos necesarios para que a investidura saia adiante é o BNG. Ana Pontón evitou sinalar o PSOE e xeneralizou sobre a corrupción.

Tamén os 5 votos de Bildu poderían ser clave para a investidura. De momento, din que están afastados da posición do PSOE e pídenlle a Sánchez solucións políticas para as demandas independentistas de Euskadi e Cataluña.

A opinión da patronal

CEOE e CEPYME fixeron público un comunicado en que mostran o seu respeto polo resultado electoral e instan á responsabilidade dos partidos políticos chamados a gobernar para evitar unhas terceiras eleccións. Salientan a necesidade de formar un goberno estable que avance nas reformas pendentes desde o rigor orzamentario e a ortodoxia económica.

Antonio Garamendi, presidente da CEOE: "Poñemos en valor todo o que é o efecto constitucional. E volvemos insistir que nos parece moi importante un goberno, sen entrar en siglas, estable e que traballe desde a moderación".

Antonio Fontela, voceiro da Confederación de Empresarios de Galicia: "Queremos que os partidos sexan responsables do mal que poden facer. Teñen que intentar mirar non o que eles representan e cal sería o seu desexo senon o ben xeral do país".

Os empresarios consideran urxente que se poidan tomar medidas ante a desaceleracion económica. E piden que se deixe de gobernar por decreto e se busque o maior consenso social e político posible.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/11/2019