CRTVG

Buscar

Sánchez presume da posta en marcha do 55% do pacto de goberno

Publicado o 04/08/2020 20:48

Pedro Sánchez fixo hoxe balance dos primeiros 7 meses de goberno de coalición. Na súa comparecencia, o presidente do Executivo puxo en valor o Goberno de coalición con Unidas Podemos, un Executivo "que decide e que actúa" e que nestes sete meses de percorrido activou máis do 55% dos compromisos que incluía o acordo entre ambas as formacións.

Sánchez subliñou que dos 428 compromisos subscritos co partido de Pablo Iglesias, activáronse máis do 55% ata o 31 de xullo e un 17,3% está previsto que se cumpra antes de acabar o ano.

"Nun ano conseguiriamos cumprir integramente case unha quinta parte dos acordos de lexislatura, a pesar das circunstancias absolutamente extraordinarias destes meses pasados", subliñou referíndose á pandemia do coronavirus.

Segundo as previsións que fixo deste pacto de coalición, a finais de 2021, o 100% destes compromisos estará activados e pecharán 2023 "completando integramente o 90% dos obxectivos marcados". O restante 10%, explicou o presidente, requirirá dun prazo maior "para a súa execución íntegra".

Sánchez insistiu en que esta lexislatura será "longa e frutífera" e sinalou que "se poderá estar máis ou menos de acordo coa orientación política do Goberno", pero cre que "é difícil negar que este é un Goberno que decide e actúa, que se audita e se autoavalía".

Sánchez afirma que "aínda quedan meses moi díficiles" na economía e insta a "arrimar o ombreiro" para aprobar os orzamentos este ano

Por outra banda, o presidente do Goberno deixou claro que "aínda que quedan meses moi difíciles" no terreo económico, España superará a crise.

Neste contexto, Sánchez afirmou que o crecemento do PIB se acelerará en 2021 grazas aos fondos de reconstrución que provirán da Unión Europea.

Reiterou que a recuperación económica empezou xa e que en 2021 seguirá adiante con maior ritmo para acelerarse en 2022 e ter en 2023 un crecemento "mellor, máis competitivo e máis produtivo".

Así mesmo, Sánchez instou as forzas políticas a "arrimar o ombreiro" para aprobar un orzamento na segunda metade do ano porque "a recuperación precisa, ademais do acordo europeo, dun novo acordo orzamentario".

As contas de 2018, que son as vixentes, non poden responder "de maneira eficaz e equitativa, como aspira o Goberno de España", á "inédita" situación derivada da pandemia, advertiu o presidente.

Por iso, as futuras contas terán como base os acordos do Goberno de coalición e complementaranse coas achegas doutras forzas políticas, polo que se preguntou que partidos están dispostos a arrimar o ombreiro.

"Aquí non hai límite de ocupación", insistiu, "todos os partidos que queiran arrimar o ombreiro son benvidos" porque se trata de atender o interese xeral, para o que é "imperativo" un novo orzamento.

Noticias web

04/08/2020