CRTVG

Buscar

Sánchez preside a reunión do comité de seguimento en plena repunta de contaxios

Publicado o 19/08/2020 14:50

Con 704 novos positivos, a Comunidade de Madrid foi a que máis casos diagnosticou nas últimas 24 horas, seguida de Aragón, Euskadi e Andalucía. As comunidades autónomas continúan ampliando as restricións para frear os contaxios. España xa se converteu no país europeo cunha maior incidencia de casos por cada cen mil habitantes nos últimos 14 días. 

En plena repunta de contaxios, o presidente do Goberno Pedro Sánchez presidiu esta mañá unha nova reunión de comité de seguimento do coronavirus para analizar a evolución da pandemia no país. Foi unha reunión telemática co ministro de Sanidade, Salvador Illa, e co director do Centro de Coordinación de Alertas Sanitarias Fernando Simón.

Mentres, as comunidades seguen implementando as once medidas pactadas co Ministerio de Sanidade. A partir desta medianoite, sumarase Madrid. Pecha o ocio nocturno e prohibe fumar en rúas e terrazas se non hai distancia. Os locais só poderán albergar un máximo do 75% da súa capacidade e estará prohibido comer no transporte público.

As probas PCR aleatorias para tratar de detectar asintomáticos continúan hoxe no distrito de Villaverde.

Enrique Ruiz Escudero, conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid: "A velocidade de transmisión do virus é menor á que había en marzo e abril. O seguimento ten que ir orientado á detección precoz dos casos".

O conselleiro confirmou que ante a suba de contaxios e de ingresos, tres hospitais, o Gregorio Marañón, o 12 de Octubre e o hospital de Móstoles, decidiron suspender a cirurxía polas tardes e a cirurxía maior ambulatoria.

Cataluña rexistrou nas últimas 24 horas máis de 600 novos contaxios confirmados por PCR e sete falecidos.

Mentres, seguen á caza de asintomáticos. Os cribados masivos descubriron 345 positivos sen síntomas.

Segundo informou o concello de Barcelona, 5.500 persoas foron desaloxadas por facer botellón na última semana, das que 200 foron sancionadas.

Euskadi segue entre as comunidades con máis contaxios. Hoxe notificou 510 novos positivos. A pesar das medidas restritivas implementadas desde onte que limitan as visitas aos centros de terceira idade, o coronavirus segue golpeando neles. En dúas residencias de Áraba e Bilbao detectáronse novos focos con 21 contaxiados.

En Castela-A Mancha, a delegación Provincial de Sanidade de Albacete acaba de decretar o confinamento da localidade de Villamalea por varios gromos. Hai 99 positivos na vila.

 

Noticias web

19/08/2020