CRTVG

Buscar

O Goberno destina 4.260 millóns de euros ao plan de rescate do turismo

Publicado o 18/06/2020 09:34

• Axudas para créditos, competitividade e promoción do país como destino seguro

• Editaranse guías con medidas hixiénico-sanitarias para afianzar a confianza

O Goberno destinará 4.262 millóns de euros a reactivar o sector turístico en España. O presidente do Goberno presentou hoxe o Plan de impulso ao sector turístico, que apoiará en cinco piares a estratexia pública destinada a recuperar un dos motores da economía española.

Medidas de reactivación e créditos. A maior parte dos recursos, case 3.400 millóns de euros destinaranse a este capítulo. 

Mellora da competitividade. Neste capítulo investiranse 859 millóns de euros.

Mercadotecnia e promoción. O plan prevé unha partida de 38 millóns de euros para mercadotecnia.

Mellora do modelo de coñecemento e intelixencia turística. Para este fin hai unha partida de 3,1 millóns de euros.

Recuperación da confianza en España como destino seguro. Destinaranse 200.000 euros á elaboración de guías hixiénico-sanitarias para afianzar esa posición

Pedro Sánchez apuntou que o plan é "imprescindible" e súmase aos mecanismos de protección xa adoptados a través dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), que beneficiaron 1,12 millóns de traballadores, e aos case 11.000 millóns de euros de liñas ICO destinados a este sector. 

Sánchez pediu a colaboración das comunidades autónomas para traballar na recuperación do turismo estranxeiro, unha das fortalezas do sector en España. Na súa opinión, "hai que deixar de medir o éxito polo número (os máis de 83 millóns de turistas estranxeiros que veñen a España cada ano) porque contamos cun tecido moi competitivo e privilexiado". É o momento, engadiu, de "sacar o máximo rendemento e perfeccionar o que ofrecemos".

Con todo, mostrouse convencido de que España volverá marcar novos récords unha vez que se normalice a situación. 

A parada da actividade polo confinamento puxo a cero os contadores, que comenzaron a andar timidamente, aínda que con paso firme, coa desescalada. O sector do turismo reclama para reactivarse medidas laborais, financeiras e fiscais, que permitan paliar as perdas, calculadas en máis de 80.000 millóns de euros.

Á presentación do plan asistiron ademais do presidente e de boa parte do seu Gabinete, representantes dos sindicatos e da patronal.

 

 


Noticias web

18/06/2020