CRTVG

Buscar

Sánchez pide á UE que o diñeiro non sexa un impedimento ante o coronavirus

Publicado o 18/03/2020 08:00
Sánchez pide á UE que o diñeiro non sexa un impedimento ante o coronavirus

O presidente do Goberno Pedro Sánchez defendeu este martes ante os seus socios europeos unha resposta coordinada da UE contra os efectos económicos e sanitarios do coronavirus, e subliñou: "O diñeiro non debe ser un impedimento para facermos todo o posible para controlar esta epidemia".

Sánchez participou na reunión extraordinaria do Consello Europeo en que os Vinte e sete coincidiron na prioridade de limitar a propagación do virus, garantir a subministración de equipos médicos, promover a investigación para lograr unha vacina, tratar o impacto socioeconómico e ofrecer unha solución aos cidadáns da UE varados en terceiros países.

Nesta reunión, celebrada por videoconferencia, os xefes de Estado e de Goberno da UE apoiaron a proposta presentada onte pola presidenta da Comisión Europea Ursula Von der Leyen de restrinxir as viaxes de entrada á Unión que non sexan esenciais durante 30 días.

Segundo informa Moncloa nun comunicado, Sánchez explicou aos seus socios que o Goberno ordenou este luns o restablecemento dos controis de fronteiras terrestres como parte das medidas de contención do coronavirus incluídas no estado de alarma decretado polo Executivo. No marco do Acordo de Schengen, permitirase a entrada de residentes e familias.

O presidente do Goberno subliñou ademais que preservar o mercado único tamén é esencial, por tanto o Goberno busca asegurar o intercambio de bens e a libre circulación de traballadores.

Os Vinte e sete avalaron nesta reunión a declaración do Eurogrupo en que se comprometeron este luns para facer "o que sexa necesario para restaurar a confianza e apoiar unha rápida recuperación".

Sánchez apoiou así mesmo a proposta da Comisión de Europea de ofrecer recursos orzamentarios da UE na loita contra esta crise e subliñou a necesidade de lograr a máxima flexibilidade no uso dos fondos para que esta iniciativa sexa totalmente efectiva.

"O diñeiro non debe ser un impedimento para facer todo o posible para controlar esta epidemia", asegurou o xefe do Executivo, quen salientou ademais a necesidade de canalizar as partidas para apoiar as persoas que perderán os seus empregos e solicitou que se poña en marcha canto antes un sistema de reaseguramento europeo de desemprego.

Por último, Sánchez defendeu a absoluta necesidade de activar todos os instrumentos fiscais da UE na loita contra a crise do coronavirus.