CRTVG

Buscar

Sánchez contactará cos líderes da oposición buscando rebaixar a tensión política

Publicado o 03/04/2020 08:17

O Goberno vai tratar de rebaixar a tensión política nos próximos días. Pedro Sánchez chamará esta fin de semana os voceiros de todos os partidos políticos, a quen vai necesitar tanto para prolongar o estado de alarma se fose necesario coma para aprobar os últimos decretos económicos. A pesar das críticas da oposición, que o acusa de falta de coordinación, en Moncloa aseguran que verían ben un gran pacto entre os grandes partidos para levar adiante a reconstrución do país tras a crise.

O primeiro a quen Sánchez vai chamar nas próximas horas ou días será o presidente do Partido Popular, nun momento en que as relacións entre ambos están máis tensas ca nunca. Pablo Casado leva días intensificando o seu ton contra Sánchez e queixándose de que o presidente non o informa de nada. Acúsao de incompetente e arrogante. O líder da oposición insiste en que non apoiará os últimos decretos do Goberno se non se modifican. "O problema é que cando nos chegan reais decretos sen anunciar, xa o aprobará a oposición responsable e leal, nós non podemos seguir remando nunha dirección se nesa dirección hai unha fervenza", dícía Pablo Casado esta semana. 

Se difícil vai ser que o PP apoie o goberno, imposible será conseguir o apoio de Vox, que directamente pide a dimisión do presidente e propón crear un goberno de concentración nacional sen Sánchez. Distinta é a postura de Ciudadanos, que mesmo ofreceu un posible apoio a uns orzamentos de reconstrucción a pesar de que acusa o executivo de falta de diálogo. Esta acusación tamén a verteu estes días o PNV, aliado do Goberno.

En Moncloa insistían nas últimas horas en que o presidente intentará o achegamento con todas as forzas e mesmo non descarta unha fórmula de reedición dos Pactos da Moncloa, que se asinaran en 1977, para cando chegue o momento de reconstruír o país trala crise. Asi o expresaba o ministro Ábalos en Radio Nacional de España. "Conseguir a maior concertación, o acordo, vén moi ben, porque a unidade e o compromiso sempre fortalecen estes proxectos nacionais. Por tanto, este é un elemento, o do diálogo, a concertación e os acordos, unha das liñas en que cómpre traballar", dixo.

A destrucción do emprego en marzo, que se coñecía onte, levaba a oposición en pleno a criticar a xestión do Goberno e a esixir medidas urxentes. Asi, a diferenza dos plenos anteriores, o Goberno non ten asegurado que a Cámara Baixa convalide para a semana que vén os últimos decretos. Tamén precisa o apoio dos partidos para prorrogar o estado de alarma, que o executivo estuda extender ata o 26 de abril.

Noticias web

03/04/2020