CRTVG

Buscar

O Goberno declarará o sábado o estado de alarma

Publicado o 13/03/2020 15:56

Mañá España entrará en estado de alarma. Estaremos así durante 15 días. Vaino decretar o Consello de Ministros en reunión extraordinaria. Será aí cando coñezamos o alcance das medidas que poden chegar a limitar a circulación das persoas.

O presidente do Goberno non descartou que nos próximos días se alcancen os 10.000 afectados. Sánchez fixo ademais un chamamento á responsabilidade e á disciplina de todos os españois para frear a propagación.

O Consello de Ministros reunirase este sábado de maneira extraordinaria para aprobar un real decreto lei que poñerá o conxunto do paísen estado de alarma  durante 15 días co fin de permitir ao Goberno a adopción de medidas "excepcionais" para facerlle fronte á "emerxencia sanitaria" causada polo coronavirus. Así o anunciou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nunha declaración institucional (sen preguntas da prensa) desde o Palacio da Moncloa, na que precisou que esta decisión lla comunicara previamente ao rei, á presidenta do Congreso, Meritxel Batet, e aos principais partidos.

As medidas que se adoptarán ao amparo do estado de alarma estarán "orientadas a mobilizar todos os recursos do conxunto do Estado", tanto "económicos coma sanitarios, públicos e privados, civís e militares", para "protexer mellor a saúde de todos os cidadáns", en particular dos máis vulnerables á enfermidade, precisou Sánchez. O presidente xustificou tamén a necesidade de decretar o estado de alarma para responder á emerxencia social e económica "coa máxima axilidade e contundencia".

"Queremos a máxima coordinación de recursos, eficiente e garantida do conxunto de administracións públicas e o seu mellor funcionamento", afirmou. "O Goberno de España vai protexer a todos os cidadáns e vai garantir as condicións de vida adecuadas para frear a pandemia coa menor afectación posible", sostivo o presidente, que se puxo a disposición do Congreso dos Deputados para informar "de inmediato" desta decisión.

Esta tarde, avanzou Sánchez, pretende falar por teléfono con todos os presidentes e presidentas autonómicas, a quen lles recoñecerá o traballo que veñen realizando e a súa gratitude pola comprensión ante este tipo de medidas. O xefe do Executivo advertiu de que España se atopa tan só na "primeira fase" do combate contra o coronavirus, polo que aos españois os esperan semanas "moi duras". Sánchez advertiu a cidadanía de que non descarta que a semana próxima o país supere os máis de 10.000 afectados pola enfermidade.

O presidente explicou que todos os esforzos sanitarios están encamiñados a evitar unha propagación demasiado rápida da enfermidade para así poder auxiliar os pacientes que por doenzas previas ou pola súa idade sexan máis vulnerables e precisen atención hospitalaria. Na súa intervención, Sánchez trasladou unha mensaxe de recoñecemento ao "esforzo" que están a facer os profesionais da saúde, a quen prometeu proporcionar os medios que lles permitan desenvolver o seu labor. Á vez que pediu a aquelas persoas de idade avanzada ou con enfermidades crónicas que se protexan "ao máximo" e evitar "custe o que custe" os contactos e exposición en espazos públicos.

Pero o presidente dirixiuse tamén aos mozos, quen, pola súa baixa exposición a desenvolver síntomas graves se resultan contaxiados son menos conscientes da necesidade de manter medidas de control para evitar propagar o virus. "A colaboración dos mozos é decisiva para cortar os contaxios e por iso deben limitar os contactos e manter a distancia social", díxolles.

Á poboación en xeral, Sánchez pediulle que siga "ao pé da letra" as indicacións dos expertos, "coa máxima responsabilidade e disciplina social" porque todos unidos o país conseguirá vencer esta situación. "A vitoria depende de cada un de nós, no noso fogar, na nosa familia, no traballo, na nosa veciñanza. O heroísmo consiste tamén en lavar as mans, en quedar na casa, en protexerse a un mesmo para protexer o conxunto da cidadanía". "Tardaremos semanas, vai ser moi duro e difícil , pero imos parar o virus, iso é seguro, con unidade, responsabilidade e con disciplina social", resolveu.

Noticias web

13/03/2020