CRTVG

Buscar

Sánchez pecha a porta a indultos e garante o "íntegro cumprimento" da sentenza

Publicado o 15/10/2019 10:39

O presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, garantiu o "íntegro cumprimento" da sentenza do procés ditada este luns polo Tribunal Supremo contra os líderes independentistas.

"Ninguén está por encima da lei e todos estamos obrigados ao seu cumprimento. Ninguén é xulgado polas súas ideas", subliñou Sánchez nunha declaración institucional no Palacio da Moncloa.

Sánchez asegurou que nunha democracia ninguén é xulgado polas súas ideas ou por defender un proxecto político, senón por delitos recollidos no ordenamento xurídico.

"E en nome do Goberno", Sánchez quixo recoñecer o labor independente do Supremo que traballou con "escrupuloso respecto ás súas obrigacións" dando un exemplo de "autonomía e transparencia, de garantías e profesionalidade".

O presidente en funcións subliñou que a sentenza do procés confirma o "naufraxio" do proxecto independentista en Cataluña que, ao seu xuízo, fracasou.

Sánchez insistiu en que "Cataluña ten que dialogar con Cataluña, porque é a convivencia o que está en xogo e a Generalitat e o Parlament deben asumir a responsabilidade de representar e gobernar para todos".

"Se así o fan atoparán ao Goberno de España disposto ao diálogo", recalcou.

"Quedan algúns días en que imos asistir aos estertores dunha etapa superada", proclamou Sánchez, que está convencido de que agora se abre unha "etapa nova" de convivencia en Cataluña en que a regra só pode ser "a lei e a Constitución española".

Sánchez sinalou que, unha vez ditada a sentenza, ábrese unha "etapa nova" e explicou que nos próximos días o Goberno manterase "atento" para garantir a convivencia, a seguridade e o respecto á legalidade democrática.

"E farémolo con firmeza democrática, con proporcionalidade e desde a unidade", precisou.

Sánchez deixou claro que firmeza democrática significa "aplicar a legalidade, sen excluír ningunha responsabilidade que o ordenamento xurídico outorga".

Pero tamén, dixo, o Goberno responderá con "proporcionalidade" ás agresións que poidan cometerse e con unidade, é dicir, contando con todas as forzas políticas comprometidas coa Constitución.

Neste sentido, fontes do Goberno dixeron que chamará esta tarde ao líder do PP, Pablo Casado; de  C's, Albert Rivera e de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, "e espera que estean á beira do Goberno". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí