CRTVG

Buscar

Casado comunícalle a Sánchez que non apoiará a prórroga da alarma: "Non ten sentido

Publicado o 04/05/2020 13:41

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, conversou a última hora da mañá co líder do PP, Pablo Casado, para informalo de que solicitará unha nova prórroga do estado de alarma ata o próximo 24 de maio que se votará o mércores no pleno do Congreso, segundo confirmaron fontes populares, que non especificaron se o fixo cambiar sobre a súa posición respecto a esa prórroga.

Casado asegurou este mesmo luns, nunha entrevista, que "non ten sentido" que o estado de alarma se prolongue "máis alá de 60 días", xa que, ao seu entender, a desescalada "xa non necesita" este instrumento "excepcional" que limita dereitos e liberdades.

"O PP a día de hoxe considera que non pode apoiar a prórroga do estado de alarma", sinalou, sen aclarar se significa que se absterá.

Ademais, Casado esixiulle ao xefe do Executivo que no Consello de Ministros deste martes desvincule do estado de alarma o pago da prestación dos ERTE e a liquidez a pemes e autónomos porque, ao seu xuízo, é unha "chantaxe" e "inmoral".

A dirección nacional do PP queixouse estas semanas da falta de comunicación entre o presidente do Goberno e o xefe da oposición. O pasado sábado denunciou que en 43 días Pedro Sánchez "só" contactara tres veces con Casado, a última vez hai 13 días.   

Sánchez afirmou o pasado sábado, na súa comparecencia no Palacio da Moncloa, que chamaría a principios de semana a oposición como fai cada vez que ten que pedir a prórroga do estado de alarma e subliñou que o Goberno optou por solicitar esa autorización ao Congreso cada quince días e non nun prazo máis longo.