CRTVG

Buscar

Sánchez e Iglesias acordan subir impostos ás rendas altas e derrogar a reforma laboral

Publicado o 31/12/2019 09:43

• O pacto contempla o estatuto das electrointensivas con compensacións ás empresas a cambio dunha maior eficiencia

• A materia de relixión non contará para a nota media

• En Común e PSdeG valoran que Galicia estea representada

Así foi o acto de sinatura do acordo programático

Corenta e nove días despois de anunciar o pacto de Goberno, Pedro Sánchez e Pablo Iglesias repetían escena para asinar o programa co que pretenden gobernar na próxima lexislatura. Un documento de 50 páxinas co que, din, queren converter España nun referente de progreso en Europa. E sentar as bases do primeiro do Goberno de coalición da historia democrática española.

Pedro Sánchez: "Non só é ser goberno, senón facer goberno, iremos máis alá do feito de compartir un Consello de Ministros, que vai ser inédito na historia democrática de España, senón que tamén imos compartir políticas, propostas".

Políticas e propostas coas que o PSOE e Unidas Podemos aspiran, din, a revitalizar e rexenerar a política en España, e que negociaron desde a máxima confianza mutua.

Pablo Iglesias: "Agradecer a Pedro Sánchez e ao PSOE a súa enorme xenerosidade, para nós será unha honra que Sánchez sexa o noso presidente, e oxalá a investidura sexa axiña".

Coa investidura aínda no aire, Pedro Sánchez recoñece que un goberno con Podemos é un todo un reto, que define como complexo pero non imposible. E pediulles ao resto de forzas que se sumen, di, ao avance e deixen atrás o bloqueo.

O acordo programático

O PSOE e Unidas Podemos acordaron derrogar a reforma laboral do PP e recuperar os "dereitos laborais arrebatados" por ese proxecto dos populares de 2012.

Así o recolle o acordo para un goberno de coalición que esta tarde asinan no Congreso o candidato socialista á Presidencia, Pedro Sánchez, e o líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, o cal vai un paso máis aló do preacordo do 12 de novembro no que as partes se comprometían a derrogar os "aspectos máis lesivos" desa reforma.

No documento 'Coalición progresista, un novo acordo para España', ambas formacións subscriben subir o salario mínimo ata alcanzar o 60 por cento do salario medio en España e aumentar os impostos ás rendas máis altas.

Respecto á fiscalidade, o PSOE e Unidas Podemos acordan subir o IRPF en dous puntos ás rendas de máis de 130.000 euros e catro puntos para as que excedan os 300.000. Tamén avogan por estudar a fiscalidade das grandes fortunas ao obxecto de que contribúan a un sistema máis "xusto e progresivo".

No apartado sobre sistema autonómico, ao conflito catalán dedícaselle só un apartado de dúas liñas no que, tal e como se avanzou nas negociacións con ERC, impulsarase "a vía política a través do diálogo, a negociación e o acordo entre as partes que permita superar a situación actual".

Pero engade, máis adiante no documento, que se dará cumprimento ás sentenzas do Tribunal Constitucional para traspasar á Generalitat de Cataluña as competencias pendentes xa recoñecidas en materias como bolsas universitarias, formación sanitaria especializada, salvamento marítimo ou lexislación laboral.

Ambas as formacións, que non fan mención ao federalismo, acordan manter o modelo autonómico e para iso apostan por "unha España forte e cohesionada, estruturada a partir da Constitución e dos Estatutos de autonomía", xa que opinan que esa configuración "demostrou ser o mellor sistema para garantir a unidade e a diversidade".

Ademais, perseguen mellorar os mecanismos de colaboración e coordinación institucional entre o Estado e as autonomías, de maneira que estas poidan participar nos "procesos de toma de decisión estatais".

Entre a batería de medidas económicas, PSOE e Unidas Podemos pactan impulsar no marco do diálogo social a protección dos traballadores e recuperar o papel dos convenios colectivos, e avanzan que derrogarán a posibilidade de despedimento por absentismo causado por baixas por enfermidade.

O texto tamén se compromete a actualizar as pensións conforme ao IPC real mediante unha lei e de forma permanente e aumentar o poder adquisitivo das pensións mínimas e as non contributivas.

O documento incide en frear as subas abusivas do aluguer e dá potestade aos concellos e comunidades para que regulen estes incrementos en caso de producirse. Esta medida era unha das reivindicacións máis emblemáticas de Unidas Podemos.

Respecto a a axenda social, o PSOE e Unidas Podemos protexerán ao cento por cento ás familias vulnerables en situación de pobreza enerxética e procederán á eliminación progresiva dos copagamento sanitarios introducidos en 2012.

O acordo incrementará os recursos públicos a educación e bolsas, garantirá a gratuidade real e efectiva da educación obrigatoria, a materia de relixión será de carácter voluntario, sen que haxa materia alternativa e a nota non computará a efectos académicos, e regularanse os xogos de azar para previr e frear a ludopatía.

Pactan aprobar o estatuto electrointensivo

O PSOE e Unidas Podemos acordaron a aprobación do Estatuto do consumidor electrointensivo, con "compensacións e exencións de pago" para as empresas con "altos" custos enerxéticos "a cambio de que estas melloren a súa eficiencia enerxética, e así "potenciar a competitividade e a eficiencia" das mesmas. Trátase dunha das medidas incluídas no acordo para a investidura de Pedro Sánchez e a conformación dun Goberno de coalición, no que tamén se inclúen modificacións da factura eléctrica, para penalizar o consumo excesivo de enerxía e reducir a porcentaxe que representa a potencia instalada.

Así mesmo, ambas  forzas tamén se comprometen a sacar adiante medidas para reformar o mercado eléctrico e conseguir o abaratamento dos prezos mediante o uso de renovables, sendo o custo de xeración o "criterio fundamental" á hora de retribuír a súa produción. No seu acordo para a investidura de Pedro Sánchez e a conformación dun Goberno de coalición, ambas as formacións propuxeron a elaboración dun Plan de Reforma do Sistema Eléctrico para favorecer a descarbonización e "uns prezos alcanzables para o consumidor e as empresas". 

Recuperación inmeadiata do pazo de Meirás

O PSOE e Unidas Podemos acordaron substituír a Lei de Seguridade Cidadá, á que se refiren como 'lei mordaza', por unha nova norma que "garanta o exercicio do dereito á liberdade de expresión e reunión pacífica", e auditar os bens expoliados polo franquismo para devolvelos aos seus titulares. Tamén "a recuperación inmediata do pazo de Meirás" para o patrimonio público.