CRTVG

Buscar

Sánchez e Iglesias negocian os últimos nomes do Consello Xeral do Poder Xudicial

Publicado o 13/11/2018 10:32

Reunión de Pedro Sánchez con Pablo Iglesias para negociar os últimos nomes dos vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, no que vai haber maioría progresista. Negociación moi diferente á que mantivo co Partido popular, a través de terceiros, escenificando o distanciamento entre Sánchez e Casado. Acordo, aínda así, para nomear a Manuel Marchena presidente antes de repartir os asentos, un acordo moi criticado polas asociacións de xuíces. O Goberno cre que o importante é que se conseguira a renovación.

Agás sorpresa, Carlos Lesmes xa ten sucesor. Previsiblemente, Manuel Marchena substituírao en decembro á fronte do Consello Xeral do Poder Xudicial e do Tribunal Supremo. O maxistrado conservador era a proposta do PP: o PSOE acepta a cambio de que 11 dos 20 vogais do órgano de dirección dos xuíces teñan perfil progresista. O Goberno valora que o acordo chegue en prazo cun parlamento fragmentado.

Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior: "Que se chegue a un acordo tal e como esixe a Constitución para a designación dos vocais do Consello Xeral do Poder Xudicial de 3/5 paréceme algo importante e relevante. Intentemos que isto poida axudar a xerar un pouco de confianza nas institucións".

Marchena ía presidir o xuízo aos líderes independentistas cataláns, función que agora recaerá noutro maxistrado. Podemos quería que a presidencia do Consello fose para unha muller. Terá que conformarse coas catro vogalías que lle cede o PSOE , entre elas unha para a súa ex-deputada Victoria Rosell. As asociacións xudiciais criticaron que o nome de Marchena saia dun pacto entre a ministra de Xustiza, Dolores Delgado, e o seu antecesor no cargo, Rafael Catalá, en vez de, como marca a lei, pola elección dos 20 vocais.

O Partido Popular subliña a independencia e a traxectoria profesional dos maxistrados elixidos. Tamén os socialistas, para quen o acordo non implica ningún cambio nas relacións entre Pedro Sánchez e Pablo Casado. Ciudadanos, que non participou nas conversas, critica o que cualificou de "mangoneo" entre os dous grandes partidos.

Entre as asociacións de xuíces hai malestar polo xeito en que se pactou o nomeamento de Manuel Marchena. Desde Xuízas e Xuíces para a Democracia cren que foi unha oportunidade perdida para poñer á fronte do poder xudicial unha muller progresista e que o acordo entre PSOE e PP non contribúe a mellorar a imaxe da xustiza.

Noticias web

13/11/2018