CRTVG

Buscar

A UE dáse dúas semanas para unha resposta á crise tras o ultimato de España e Italia

Publicado o 27/03/2020 10:24

Os xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea (UE) pediron ao Eurogrupo que en dúas semanas presente propostas para responder á crise económica ocassionasda polo coronavirus, despois de que Italia e España se plantaran para reclamar unha acción económica europea máis decidida.

"Convidamos o Eurogrupo a presentar propostas en dúas semanas. Estas propostas deberán ter en conta a natureza sen precedentes do choque da COVID-19 que afecta a todos os nosos países", di a declaración conxunta aprobada polos líderes comunitarios tras un cume por videoconferencia de máis de seis horas de duración.

Os líderes comunitarios non pecharon un acordo, por tanto, nin para a intervención do fondo de rescate da eurozona, o Mecanismo Europeo de Estabilidade (MEDE), nin para a emisión de coronabonos", débeda mutualizada da Unión; as dúas principais medidas a debate que seguirían sobre a mesa á espera dos ministros de Economía e Finanzas (o Eurogrupo).

"A porta está aberta para debater todas as posibilidades", confirmou a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, preguntada por se os "coronabonos" foran definitivamente rexeitados.

Fondo de rescate ou "coronabonos"

O martes, o Eurogrupo avogara por crear unha liña de financiamento específico para a pandemia canalizada polo MEDE, que conta con 410.000 millóns de euros en capacidade de préstamo. Esta liña estaría aberta a todos os países e permitiría outorgar aos que o solicitasen fondos por ata o 2 % do seu PIB con certas condicións.

Os ministros de Economía e Finanzas, con todo, deixaron a decisión final en mans dos líderes, que hoxe se mostraron divididos sobre se mencionar directamente o MEDE como a solución, segundo mostraron os borradores da declaración que circularon durante a xornada.

Sobre a emisión de "coronabonos" xa foi imposible atopar un acordo no nivel ministerial, e non chegou a aparecer nin sequera nos borradores.

Esta ferramenta, similar aos "eurobonos" que se expuxeron e descartaron como solución á crise de débeda na eurozona en 2011, é rexeitada por Alemaña, Holanda ou Austria por supoñer a  mutualización da débeda e os seus riscos entre os socios comunitarios.

Pola contra, nove países -España, Francia, Italia, Bélxica, Portugal, Irlanda, Grecia, Eslovenia e Luxemburgo- reclaman estas emisións argumentando que esta crise foi xerada por unha causa externa e afecta a todos os países, que non foi o caso de 2008.

Durante o cumio, o presidente español, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro italiano, Giuseppe  Conte, plantáronse ante o que consideraban un acordo falto da ambición que require a crise segundo os dous Estados máis afectados por esta.

"España, xunto con Italia e outros países, esixe un mandato claro ao Eurogrupo e propostas concretas de financiamento a medio e longo prazo", dixo o Goberno español nun comunicado tras a reunión.

Conte anunciara, coa conferencia aínda en marcha, que pedían aos seus homólogos que presentasen un plan conxunto en dez días. "As consecuencias de coronavirus non deberían tratarse nos próximos meses, senón mañá pola mañá", dixo o mandatario italiano.

Non parece, con todo, que os "coronabonos" vaian ser parte da resposta. A chanceler alemá, Angela Merkel, asegurou tras o cumio que os "coronabonos" non son unha "opción compartida" por Alemaña nin por outros países do bloque comunitario, e instou a "avaliar todos os instrumentos" con que xa conta a UE.

Na mesma liña, o primeiro ministro holandés, Mark Rutte, dixo que hai que explotar primeiro as medidas "xa existentes", mentres que o seu homólogo austríaco, Sebastian Kurz, tamén contrario á mutualización de débeda, dixo que o MEDE é "o instrumento adecuado".

Polo demais, á espera dun novo plan do Eurogrupo, os líderes saúdan as medidas adoptadas polo Banco Central Europeo, a Comisión Europea e o Banco Europeo de Investimentos. Sobre este último, instan a explorar a posibilidade de aumentar a súa participación na resposta económica.

Ao mesmo tempo, a UE incide na necesidade de preparar a recuperación unha vez pase a crise sanitaria. A tarefa "requirirá unha estratexia de saída coordinada, un plan de recuperación amplo e investimentos sen precedentes", apuntan.

Os presidentes de Comisión e Consello serán os encargados de elaborar un plan de acción para iso.

Á marxe da economía, sobre o peche temporal das fronteiras exteriores da UE ás viaxes que non sexan esenciais, os líderes dixeron que avaliarán a situación "ao seu debido momento" para decidir se o prolongan. No que respecta ás fronteiras interiores que diferentes países introduciron temporalmente, pediron xestionar de forma fluída o paso de persoas e bens.

Tamén din que van tratar "con urxencia" a situación dos europeos bloqueados dentro ou fóra da UE que non poden volver aos seus países de orixe.

Noticias web

27/03/2020