CRTVG

Buscar

Sánchez e Casado reuniranse o luns para explorar un acordo de reconstrución

Publicado o 17/04/2020 20:07

Levoulles varios días, pero, por fin, a Moncloa e o Partido Popular lograron cadrar o encontro entre Pedro Sánchez e Pablo Casado. Será o luns pola mañá. O presidente do Goberno quere convencer o líder popular de que sente nunha Mesa pola Reconstrución da que, de momento, só se autoexcluíron VOX e a CUP.

María Jesús Montero, voceira do Goberno, di que "confiamos en que tamén o Partido Popular sexa unha peza fundamental, realmente importante para que poidamos construír denominadores comúns que nos permitan afrontar os vindeiros meses e anos cunha grande alianza"

Casado chegará ao encontro con varias demandas, entre elas que se aclare a cifra real de mortos. Di que é necesario para resarcir a dor das familias.

Pablo Casado, presidente do PP, anunciou que "pediremos a comparecencia do ministro de Xustiza como competente nos datos de rexistro civil de defuncións para que informe toda España de cantas vítimas causou xa a COVID-19"

O PP proporá que se exclúa os familiares das vítimas do pago do imposto de sucesións. O encontro cos populares pechará unha rolda de consultas pola que este venres pasou Esquerra. Gabriel Rufián quere que a mesa se apoie nos partidos que propiciaron a moción de censura a Rajoy.

Gabriel Rufián, de ERC, di que "é unha Mesa pola Reconstrución de dereitos económicos, sociais. É unha mesa que Esquerra xa pactou con PSOE e Podemos no seu momento para a investidura, íase facer, e agora abrímola ao resto de partidos"

Tras falar con Sánchez, Rufián ten a sensación de que haberá outra prórroga do estado de alarma en que o Goberno estuda permitir as saídas de nenos.